Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today11 marzo, 2025
O XVI Santiago(é)Tapas, concurso que organiza Turismo de Santiago co apoio da Deputación da Coruña, xa ten as súas tapas gañadoras. A Sala Mozart do Auditorio de Galicia acolleu esta tarde a entrega de premios nun acto conducido por Ainhoa Apestegui ao que asistiron a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, a concelleira de Turismo, Míriam Louzao, e outros representantes da Corporación municipal; ademais do vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), Martín Alemparte.
Tamén participaron a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil; o delegado comercial de Estrella Galicia en Santiago, Guillermo Fernández; o wine ambassador de Ponte da Boga en Santiago, Alberto García; o xerente de Cash Record, Simón Quintela; o promotor de vendas de Café Dromedario, Bruno Hermida; a xerente do Mercado de Abastos, Marta Rey; e Gloria Bernárdez e Nuria Colemero, representantes de ACEGA (asociación de persoas celíacas de Galicia).
Goretti Sanmartín destacou que Santiago(é)tapas é un exemplo do modelo turístico no que se está a traballar dende o goberno municipal: un modelo turístico no que a veciñanza e as persoas que nos visitan podan compartir espazos dun xeito harmónico, garantindo ademáis unha rendabilidade sostible para a iniciativa privada de proximidade, que dinamiza a nosa economía e xera centos de empregos na cidade.
Pola súa banda, a concelleira de Turismo, Miriam Louzao, destacou que as 30.000 tapas vendidas nesta edición así como os 12.915 votos válidos rexistrados avalan a decisión que se tomou o ano pasado de trasladar o concurso de novembro a febreiro como ferramenta para fomentar o consumo en tempada baixa. Así, Santiago(é)Tapas consolídase como un evento fundamental para a desestacionalización do sector, en liña co obxectivo municipal de transformar o modelo turístico da cidade.
Nesta edición presentáronse ao concurso 68 propostas de 42 locais composteláns. As tapas gañadoras foron:
Mellor Tapa Creativa, dotada cun diploma e 1000 euros: ‘Bonito, millo e lagostino’ de O SENDEIRO. Cabe destacar que O Sendeiro é un establecemento que conta coa distinción á calidade turística SICTED.
Mellor Tapa Tradicional, dotada cun diploma e 1000 euros: ‘Milfollas de bacallau con cebola caramelizada’ de SESSANTA & NOVANTA
Mellor Tapa Doce, dotada cun diploma e 1000 euros: ‘Ouro de castaña e mazá’ de LA MORENA
Mellor Tapa en Maridaxe con Viño, dotada cun diploma e 500 euros en produto: ‘Bonito, millo e lagostino’ de O SENDEIRO
Mellor Tapa en Maridaxe con Cervexa, dotada cun diploma e 500 euros en produto: ‘Crocante de sardiña afumada’ de MERCEDES
Mellor Tapa sen Glute, dotada cun cheque valorado en 200 euros para a compra de produtos aptos para persoas celíacas: ‘Bonito, millo e lagostino’ de O SENDEIRO
Ademais, tamén recibiron unha chaquetiña cortesía da empresa Utimaq, os 10 locais finalistas que foron, por orde alfabética, Artesana, coa tapa ‘Xenerais da Ulla’; Bodeguilla de San Lázaro, con ‘Cocido galego’; Bodeguilla de Santa Marta con ‘Sabores da terra’; La Morena con ‘Ouro de castaña e mazá’; O Sendeiro con ‘Bonito, millo e lagostino’ e ‘Galmesán, solombo e pesto’; O Testo con ‘Mandarina morada do Cebreiro’; Oca Puerta del Camino con ‘Repolo, papada de porco Celta e cigala’; Orixe con ‘Que morro temos!’; Sessanta&Novanta con ‘Milfollas de bacallau con cebola caramelizada’ e Vilar 64 con ‘Pan chino’.
Durante o transcurso do acto no Auditorio de Galicia tamén se realizou un sorteo dun agasallo especial entre as 12.915 persoas que votaron durante a celebración do concurso, do pasado 13 de febreiro ao 2 de marzo. A gañadora recibirá unha caixa de produtos de calidade contrastada, DOP, IXP, CRAEGA, cortesía de Agacal, a mesma que os locais gañadores das tres categorías principais.
O XVI Santiago(é)Tapas, organizado e promovido por Turismo de Santiago baixo o paraugas da marca Compostela Gastronómica, co apoio da Deputación da Coruña, conta como patrocinador principal coa empresa Hijos de Rivera, a través das súas marcas Estrella Galicia, Ponte da Boga e Cabreiroá. Ademais, tamén colaboran co concurso a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), o Mercado de Abastos de Santiago, Cash Record, Café Dromedario, ACEGA (asociación de persoas celíacas de Galica), Utimaq, Obradoiro CAB e SD Compostela.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)