Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today13 marzo, 2026
O concurso O Talentiño prepara a súa IV edición co obxectivo de seguir descubrindo novos talentos da música, da danza e das artes escénicas entre nenos, nenas e mozos de entre 8 e 18 anos.
A iniciativa naceu en abril de 2023 no Concello de Ferrol impulsada polo músico e profesor universitario ferrolán Joaquín Enríquez, a mestra e bailarina Eva Faraldo e os artistas Lucía Pérez e Xabier Vizcaíno, coa intención de poñer en valor o talento da mocidade máis nova a través dun festival en formato concurso e da creación dun catálogo web de artistas emerxentes.
Segundo explicou Enríquez en Radio Líder Santiago, o proxecto xurdiu dunha maneira moi natural. “Naceu nunha conversa con Lucía Pérez, pensando en recuperar ese espírito dos concursos nos que participabamos cando eramos máis pequenos”, lembrou.
Co paso das edicións, o certame foi medrando ata consolidarse como unha cita para o talento artístico máis novo. Na última edición celebrada no Teatro Jofre de Ferrol reuniu máis de 500 persoas de público, mentres que no conxunto das tres primeiras convocatorias xa participaron máis de 200 rapaces e rapazas.
A principal novidade desta cuarta edición é que por primeira vez o concurso abre a participación a mozos e mozas de toda a provincia da Coruña, ampliando así o seu alcance. “Calquera rapaz ou rapaza que teña un talento artístico vai ter cabida no Talentiño”, subliñou.
Os participantes poderán competir nas categorías de vocalistas, instrumentistas, danza lírica, danza urbana e variedades, unha modalidade na que teñen cabida propostas como maxia, monólogos ou outras artes escénicas.
A gran final celebrarase o 12 de abril no Teatro Jofre, un escenario que, segundo destacou Enríquez, xa supón un premio para os finalistas. “Actuar no Teatro Jofre xa é un premio para quen chegue á final”, afirmou. En canto aos premios, cada gañador ou gañadora das distintas categorías recibirá un vale de 300 euros, mentres que todos os finalistas obterán tamén un agasallo. “Non queremos que se vaian coas mans baleiras”, explicou o fundador do certame.
Nesta edición incorpórase tamén unha mención especial á promoción da lingua e da cultura galega. “Non é necesario cantar en galego, poden facelo na lingua que queiran, pero imos dar un accésit para valorar a actuación que faga un maior uso da lingua e da cultura galega”, sinalou Enríquez.
O concurso conta ademais cun xurado de prestixio formado por Lucía Pérez, Xabier Vizcaíno, Eva Faraldo e o dúo Caamaño & Ameixeiras, que valorarán as actuacións dos participantes. “Poden darlles consellos moi valiosos e axudalos moito de cara ao seu futuro artístico”, destacou.
O prazo de inscrición permanece aberto ata o 28 de marzo ás 23.59 horas. As persoas interesadas poden consultar as bases e formalizar a súa participación na web otalentino.es, onde deberán enviar un vídeo coa súa actuación. Posteriormente, o xurado seleccionará aos finalistas que participarán na gala do Teatro Jofre.
Durante a entrevista, Enríquez deixou ademais unha pequena exclusiva: dúas gañadoras da pasada edición están preparando unha actuación conxunta para sorprender aos participantes deste ano. “Chamáronnos para dicir que querían facer algo especial para os rapaces desta edición”, explicou.
O proxecto segue ademais gañando visibilidade e este ano volve presentarse aos Premios Martín Códax da Música, que celebran a súa XIII edición e culminarán coa gala do 27 de maio.
Para rematar, Joaquín Enríquez quixo animar á rapazada a participar. “Que aproveiten esta oportunidade, porque é única”, asegurou. “O máis importante é que se animen a pasalo ben. No Talentiño créase unha pequena familia e os rapaces séntense verdadeiros artistas”, concluíu.
Escrito por Líder Redacción
Caamaño & Ameixeiras Eva Faraldo Joaquín Enríquez lucia perez O Talentiño xabier vizcaino



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)