AD

Comarca

Obradoiros, paddel surf, festas, teatro, feira medieval, e moito máis: así será o verán en Padrón

today5 junio, 2025

Fondo
share close
AD

A concelleira de turismo e festas de Padrón debullou nunha entrevista en Radio Líder Santiago a folla de ruta dun verán repleto de actividades culturais, gastronómicas e deportivas, que busca atraer, sorprender e fidelizar a visitantes e veciñanza.

O verán en Padrón promete ser intenso, diverso e cheo de vida. A concelleira de Turismo e Festas, Chus Campos, detallou nunha entrevista con Álvaro Veiga unha programación ambiciosa e transversal que mestura tradición, innovación e compromiso co territorio. “Temos un pobo vivo, e queremos que o turista non só pase unha noite, senón que quede e consuma no pobo”, afirmou con entusiasmo.

Entre as primeiras iniciativas do verán están os obradoiros de comida saudable, que terán lugar o 13 e o 20 de xuño, cun enfoque práctico e divulgativo: “Serán sobre como facer ceas saudables en 10 minutos, combater a ansiedade e o envellecemento coa alimentación”, explicou Campos. As inscricións están dispoñibles na web de Turismo de Padrón e teñen prazas limitadas.

A seguir, chega unha proposta novidosa: a quedada fotográfica Fotowalk Galicia o 14 de xuño, unha ruta con cámara na man polos recunchos máis emblemáticos do municipio. “Hai moita xente afeccionada á fotografía, e agora coas redes sociais, todos buscamos capturar eses momentos especiais”, sinalou a concelleira.

Outro dos pratos fortes será a recollida de herbas de San Xoán, o 23 de xuño, unha tradición que o Concello busca preservar cun paseo guiado e explicacións sobre cada herba e o seu significado. “Queremos manter vivas estas tradicións que veñen das aldeas, como a auga de San Xoán, que ten unha carga simbólica moi forte”, indicou.

As actividades prolongaranse durante todo o verán con múltiples visitas guiadas teatralizadas a partir de xullo: destacando a ruta do Camiño Branco de Rosalía, “imprescindible” con Os Quinquilláns; a visita “Sedis Iriensis” con Suso Martínez (8 e 22 de agosto), e a Traslatio, tamén con Suso, no mes de setembro.

“É importante que haxa contido tamén polas tardes, cando os peregrinos rematan as súas rutas”, explicou Campos. Por iso, o Concello colabora con empresas como Galiparque, unha empresa local de aventuras; Arenaria Turismo, con actividades de mindfulness; e tamén con propostas acuáticas como paddel surf no río Sar, xogando co atardecer como escenario natural.

Tamén se anunciou o lanzamento dun decálogo do turista responsable, dispoñible en galego, castelán e inglés. “Queremos lembrar que aquí vive xente, hai familias, hai que respectar o patrimonio, o medio natural, a identidade local… e tamén a tranquilidade dos veciños”, indicou. O decálogo estará presente en aloxamentos, espazos públicos e redes sociais.

O apartado festivo terá os seus grandes momentos no mes de xullo, coa Feira Medieval os días 4, 5 e 6 de xullo, unha cita que se agarda máis numerosa ca nunca, e que este ano contará cun elemento novo: a participación de Arjonilla, localidade andaluza irmá de Padrón, ligada á figura de Macías o Namorado. “Queremos que veñan representantes de Arjonilla a estreitar lazos e fortalecer esta irmandade cultural”, explicou.

E por suposto, o gran evento do verán será o Santiaguiño do Monte, que se celebra o 25 de xullo, pero cuxa programación comezará semanas antes. “Este ano comezaremos as actividades xa con antelación, con propostas para a mocidade, a infancia, as persoas maiores, e con gran protagonismo para a música tradicional e a sardiñada gratuíta”, detallou.

En agosto, o Concello deixará o protagonismo ás festas das parroquias, que se celebran practicamente en todas as zonas do municipio. “Queremos que teñan o seu espazo, o seu protagonismo, por iso reducimos a programación municipal ese mes”, indicou.

Ademais da actividade turística, Campos compartiu datos históricos do emprego en Padrón. “En decembro de 2015 había 770 persoas no paro. En abril de 2025 conseguimos baixar a 298 persoas, unha cifra récord que nos enche de orgullo”. A concelleira atribuíu esta mellora á combinación entre políticas locais, estabilidade económica e apoio do goberno estatal.

Finalmente, Campos fixo fincapé no potencial empresarial de Padrón: “Temos empresas líderes como Cortizo, Finsa ou Exlavesa, pero tamén moitas oportunidades por explotar no turismo e nos servizos”. A súa mensaxe foi clara: Padrón aínda non tocou teito.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *