Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today2 mayo, 2025
As obras de mellora da accesibilidade do cruzamento Xeneral Pardiñas – República do Salvador comenzarán o próximo luns 5 de maio e obrigan a reorganizar as liñas de autobuses e a circulación dos vehículos. Os traballos foron adxudicados á UTE ‘Arines Obras y Proyectos SL e Success Infraestructuras y Servicios SA’ por 61.352,59 euros e un prazo de execución de catro semanas, ás que hai que sumar outro mes máis para garantir a resistencia do formigón e poder abrir ao tráfico.
Segundo explicou o concelleiro de Vías e Obras, Xesús Domínguez, a intervención neste cruzamento farase cos mesmos criterios que xa se usaron noutros puntos como o cruzamento entre Xeneral Pardiñas e Montero Ríos, buscando o “calmado de tráfico e a priorización peonil” e seguindo o criterio do goberno municipal de mellorar os espazos para a xente e facer unha cidade máis sustentable.
Na intervención desta rúa, elevarase a plataforma de cruzamento ata poñela ao mesmo nivel que as beirrarúas para conseguir dous obxectivos: por un lado, que se mellore a accesibilidade eliminando os cambios de niveis nos itinerarios peonís e sinalizando axeitadamente os cruzamentos para as persoas. E por outro, que as persoas que conducen extremen a precaución ante as persoas que camiñan ao xerarse esa sensación de intrusión nun espazo que non lle corresponde. Ademais, tamén se renovará o alumeado e se realizarán obras complementarias de reaxuste de sinalización, drenaxe, mobiliario urbano e xardinaría.
“Con esta obra seguimos avanzando no obxectivo desa accesibilidade universal que nos debe guiar en todas as intervencións urbanas e na mellora dos espazos públicos, baixo o criterio de ter unha cidade máis habitable e boa de vivir”, manifestou Xesús Domínguez, quen lembrou tamén outras actuacións xa en marcha como a mellora da accesibilidade en 14 puntos do municipio.
Corte circulación
As obras previstas obrigarán a cambios na circulación. Así pois: á rúa de Xeneral Pardiñas só poderán acceder as persoas residentes aos garaxes e a carga de descarga, realizando tanto a entrada como a saída dende a rúa da República Arxentina por un lado, e dende Montero Ríos polo outro. Fóra do horario de carga e descarga queda prohibido o estacionamento para poder facilitar estes movementos.
Pola súa banda, á rúa da República do Salvador, ao quedar partida tamén, poderase acceder aos garaxes dende Doutor Teixeiro e Alfredo Brañas. Para a carga e descarga accederase dende Alfredo Brañas. Fóra do horario de carga e descarga tamén queda prohibido o estacionamento.
Transporte urbano
A partir do inicio de servizos do luns 5 de maio as liñas 5, 13, 15, C11 e P6 realizarán os desvíos indicados deseguido:
Quedan suprimidas totalmente as seguintes paradas:
-433 República do Salvador
-673 Xeneral Pardiñas nº 35
-674 Xeneral Pardiñas nº 7
*Liña 5 (traxecto Rocha – Vite), liña 15 (traxecto Campus Sur – Campus Norte) e liña P6 (traxecto rúa da Rosa – Polígono do Tambre): desde República Arxentina desviaranse pola praza de Ponte Castro, rúa do Hórreo e cambiarán de sentido na pza. de Galicia para acceder á parada habitual 409 (pza. de Galicia, sentido norte).
*Liña 5 (traxecto Vite – Rocha): desde Doutor Teixeiro desviaranse pola pza. de Ponte Castro, rúa da Rosa, San Pedro de Mezonzo e retomarán o seu itinerario habitual na pza. Roxa.
*Liña 13: rematará o percorrido na pza. de Galicia, desde onde iniciará de novo cara Belvís.
*Liña C11: desde a rúa Santiago de Guayaquil desviarase pola rúa do Hórreo e cambiará de sentido na pza. de Galicia para acceder á parada habitual 409 (pza. de Galicia, sentido norte).
O Concello de Santiago prégalle á cidadanía que desculpe as molestias que estas alteracións lle poidan ocasionar.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)