Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today5 marzo, 2026
Os deportistas amesáns do club Squash Santiago, Mara Prieto e Mauro Vilas, acadaron a medalla de ouro no Campionato Galego sub-15 de squash, celebrado esta pasada fin de semana en Pontevedra, en cadansúa categoría. Tamén houbo metal de bronce para Thiago Vilas, irmán de Mauro. O torneo, organizado polo club Squash Rías Baixas, foi valedoiro para o Ranking Galego Junior sub-15, sendo unha das citas máis importantes do calendario.
Os xogadores de squash, Mara Prieto e Mauro Vilas, do club Squash Santiago, proclamáronse o pasado 28 de febreiro campións galegos nas súas respectivas categorías, logo de vencer sendas finais dunha cita clave dentro do calendario autonómico, a cal reuniu ás grandes promesas do squash galego nas instalacións do club Squash Rías Baixas, en Pontevedra.
Estes non foron os únicos metais para o squash amesán, xa que Thiago Vilas, irmán de Mauro, levou a medalla de bronce na categoría masculina no que foi o seu debut na categoría sub-15 desta competición, o que lle engade máis mérito a esta xesta. Na edición anterior do torneo, Thiago foi campión na categoría sub-11, un galardón que contribuíu para ser escollido como Promesa masculina máis destacada de Ames, na Gala do Deporte celebrada o pasado 21 de febreiro.
Bolsas municipais ao deporte
Mara Prieto e Mauro Vilas foron beneficiarios, no ano 2025, de dúas das vinte e unha bolsas de axuda aos deportistas locais que ofertou o Concello de Ames. Unha convocatoria por valor de 10.000 euros que ten como obxectivo apoiar a práctica e o rendemento deportivo, así como posibilitar a participación dos e das deportistas do concello en eventos deportivos. Cada deportista puido optar a unha axuda máxima de 700 euros.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)