Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today29 octubre, 2025
O proxecto de seguridade integral inclúe videocámaras para a prevención de incendios, un sistema de vídeo vixilancia con 28 cámaras e a programación de accións informativas e formativas
José Fernández Alborés, presidente: “Dotará de novas ferramentas á área empresarial para mellorar a seguridade dun xeito integral, non só na protección de bens e persoas, senón tamén na prevención de incendios e riscos de accidentes”
Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2025 (Vía Láctea Comunicación).- A Asociación Área Empresarial do Tambre pon en marcha o proxecto “Área Empresarial Intelixente e Segura”, a través dunha liña de axudas da Consellería de Economía e Industria destinada a mellorar a seguridade, a competitividade e a obtención de certificacións, selos ou marcas de calidade nas áreas empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia.
A Asociación ten previsto a instalación de videocámaras de alta prestación con software de análise para prevención de incendios; adquiriu xa un dron que permitirá reducir o risco de accidentes laborais; instalará tamén videocámaras de vixilancia e sistemas complementarios de comunicación e gravación de imaxes; e realizará actividades informativas e formativas para as empresas da área.
“O proxecto dotará de novas ferramentas á área empresarial para mellorar a seguridade dun xeito integral, non só na protección de bens e persoas, senón tamén na prevención de incendios e riscos de accidentes” –apunta o presidente, José Fernández Alborés–. Ademais, explica que suporá un salto de calidade nos servizos da área empresarial e un avance notable no uso de novas tecnoloxías, non só o hardware dos equipamentos, senón o propio software vinculado á intelixencia artificial, que posibilitarán un sistema de alertas que permitirán “unha área segura e intelixente”.
A área empresarial, composta polas zonas do Tambre, A Sionlla, Boisaca e Costa Vella, suma máis de 3 millóns de metros cadrados, onde se localizan 425 empresas activas, ademais de varios centros de negocios, o viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago e o Centro de Servizos Innovadores para Empresas Biotecnolóxicas do Biopolo Sionlla.
Videocámaras para prevención de incendios
Unha das partes da proposta abrangue a instalación dunha solución innovadora e de vangarda para a detección precoz de incendios. Esta solución incorpora análise de vídeo térmico, combinado cun software de intelixencia artificial que é capaz de detectar non só incendios, senón tamén as fontes de calor capaces de orixinar os mesmos, reducindo o tempo de resposta.
Esta actuación consta da instalación de cámaras de vídeo de altas prestacións, con funcionamento autónomo capaz de recoller datos de toda a área empresarial, en tempo real e de forma continúa. Xunto ás cámaras, instalarase un software dotado de intelixencia artificial que analizará os datos que capta a cámara, reducindo o nivel de falsas alarmas producidas por reflexos solares ou maquinaria, entre outras cuestións. Toda esta información, unha vez procesada, pode comunicarse ás centrais de alarma, centros de control ou mesmo activar dispositivos externos como sirenas de evacuación.
A Asociación indica que se trata dun sistema totalmente autónomo as 24 horas, os 7 días da semana e os 365 días do ano, con verificación por vídeo e gravación continua. “Ofrece varias vantaxes, como a detección precoz antes de que se produza o incendio, intelixencia artificial para eliminar falsas alarmas, localización exacta do punto que está provocando a alarma ou a análise e monitorización en tempo real” –explica Alborés–.
Dron, ferramenta preventiva e videocámaras de vixilancia
A Asociación acaba de adquirir un dron –con cámara térmica infravermella e telémetro láser– e a súa emisora de control e pilotaxe como “ferramenta preventiva”, destinado á inspección técnica, co obxecto de reducir accidentes laborais, especialmente en contextos perigosos. En concreto, o dron axudará a reducir a exposición de riscos de accidentes por caídas a distintos niveis; obter información para unha mellor planificación das actividades; reducir sustancias tóxicas e perigosas; anticipar posibles situacións de risco ao ter unha maior visión; ou eliminar riscos do desprazamento ao terreo no uso de vehículos e polas condicións meteorolóxicas
O proxecto tamén inclúe a creación dun sistema de vídeo vixilancia, con 28 cámaras, para a zona Tambre-Boisaca e Sionlla-Costa Vella, con fin de ter un control dos seus accesos.
Finalmente, a proposta incorpora tres actividades informativas e formativas, en formato teórico-práctico, nas que se abordarán cuestións como a seguridade en prevención de incendios no ámbito industrial, ciberseguridade e prevención de accidentes en obras e traballos en altura destinadas ás empresas asociadas.
Escrito por Líder Redacción
accidentes laborais dron emprego empresarios seguridade tambre


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)