AD

Comarca

Os hábitos saudables centran a IV Feira da Saúde e Benestar en Bertamiráns

today26 abril, 2025

Fondo
share close
AD

O alcalde de Ames, Blas García, destacou “non é habitual que os Concellos fagan unha promoción da saúde coma a que fai Ames, por iso temos que reivindicar o traballo que se está facendo dende os departamentos de Promoción da Saúde e de Deportes. En Ames comézase a traballar a saúde cos máis pequenos e pequenas co sistema de conciliación de comedores e coas escolas deportivas”

A concelleira de Promoción da Saúde, Susana Señorís, dixo “este ano dedicamos a Feira da Saúde aos hábitos saudables, queremos unir o deporte, a alimentación e a saúde mental, que tanta importancia ten na actualidade. A través desta iniciativa queremos seguir fomentando a saúde e o benestar que é algo fundamental e imprescindible para a veciñanza”

Ames, 26 de abril de 2025.- A praza da Maía, en Bertamiráns, acolle ao longo da xornada deste sábado 26 de abril a cuarta edición da Feira de Saúde e Benestar, organizada polo Concello de Ames a través da Concellería de Promoción da Saúde. De 11:00 horas a 20:00 horas, un total de 12 asociacións participan neste evento cos seus stands para proporcionar información sobre a súa labor a todas aquelas persoas que se acheguen ata a feira. Ademais, impártense dous faladoiros na Casa dos Maiores sobre as etiquetas alimentarias a cargo da dietista, nutricionista e xerontóloga, Áurea Casáis Martínez; e sobre a alimentación e o deporte como canalizadores das emocións a cargo da psicóloga, Belén Montesa. Tamén hai actividades deportivas como sesións de ioga e taichi, así como unha andaina polo Rego dos Pasos.

O Concello de Ames, a través da Concellería de Promoción da Saúde, organiza un ano máis durante o mes de abril unha serie de actividades relacionadas coa saúde e o benestar. Dese xeito, organizouse a cuarta edición da Feira da Saúde e Benestar, que se desenvolve en Ames durante toda a xornada deste sábado, 26 de abril, en horario de 11:00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20:00 horas.

Ao acto de inauguración da IV Feira da Saúde e Benestar asistiron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Deportes e Promoción da Saúde, Susana Señorís, e varios concelleiros e concelleira do Goberno municipal, así como do grupo municipal do Partido Popular e do Bloque Nacionalista Galego.

Durante a inauguración da feira o alcalde de Ames, Blas García, deulle as gracias “a todas as asociacións que formades parte desta Feira da Saúde. Hoxe aquí o que facemos é poñer o foco na promoción da saúde coas distintas asociacións que participan, con charlas e distintas actividades deportivas. Tamén queremos poñer en valor a actividade que se realiza dende o Concello, por iso este ano temos un stand propio. Non é habitual que os Concellos fagan unha promoción da saúde coma a que fai Ames, por iso temos que reivindicar o traballo que se está facendo dende os departamentos de Promoción da Saúde e de Deportes”.

Blas García engadiu “en Ames comézase a traballar a saúde cos máis pequenos e pequenas co sistema de conciliación de comedores e coas escolas deportivas. Ademais, temos programas de envellecemento activo como é o Amessan, e dende hai algo máis dun ano temos en marcha un programa de saúde mental, a través do cal se está axudado ás persoas do noso concello que o precisan”.

Por outra banda, a concelleira de Promoción da Saúde, Susana Señorís, dixo “sempre é un pracer que todas estas asociación estean aquí con nós participando na Feira da Saúde, algunhas xa levan vindo dende a primeira edición e outras sumáronse este ano, co cal iso quere dicir que este evento funciona. Este ano dedicamos a Feira da Saúde aos hábitos saudables, queremos unir o deporte, a alimentación e a saúde mental, que tanta importancia ten na actualidade. Ademais, teño que agradecer o traballo que se realiza dende os departamentos de Promoción da Saúde e de Deportes. A través desta iniciativa queremos seguir fomentando a saúde e o benestar, que é algo fundamental e imprescindible para a veciñanza”.

Programación da IV Feira da Saúde e Benestar

Nesta cuarta edición da Feira da Saúde e Benestar participan 12 asociacións: ALCER, ANEDIA, ACEM, AECC, Alcohólicos Anónimos, ASANOG, AEPPNA, AGADEA, Dano cerebral, Fonte da Virxe, QuerENDO e Andade. Estas asociacións dispoñen dun posto para proporcionar información sobre a súa labor a todas aquelas persoas que se acheguen ata a praza da Maía.

Ademais, este ano o Concello de Ames tamén dispón dun stand para proporcionar información sobre as actividades que realiza dentro do departamento de Promoción da Saúde.

A programación da mañá comezou ás 11:15 horas cunha sesión de ioga impartido por India&Tai na praza da Maía. Ás 12.15 hora realizáronse diversas presentacións das entidades participantes; e ás 12.45 horas na Casa dos Maiores, que está situada na propia praza da Maía, impartiuse unha charla sobre as etiquetas alimentarias a cargo da dietista, nutricionista e xerontóloga, Áurea Casáis Martínez.

A programación da tarde comeza ás 17.00 horas cunha nova sesión de presentacións a cargo das entidades participantes. De seguido, ás 17.30 horas hai unha andaina polo Regos dos Pasos, da que se encarga a técnica municipal da Aula da Natureza, Patricia Reboreda. O punto de saída e chegada da andaina está instalado na carpa da praza da Maía.

Ás 18.00 horas impártese un novo faladoiro na Casa dos Maiores, neste caso sobre a alimentación e o deporte como canalizadores das emocións a cargo da psicóloga, Belén Montesa. Ás 19.00 horas ofrécese outra actividade deportiva na praza da Maía, neste caso unha sesión de taichi, que volve a estar dirixida por India&Tai. O peche da feira está previsto para as 20.00 horas.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *