Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today8 octubre, 2025
Marta Abal acusa ao Goberno local de manter bloqueada a Comisión do Ciclo Integral da Auga e de poñer en risco fondos públicos por falta de xestión.
As e os socialistas esixen explicacións sobre o estudo encargado á Universidade da Coruña e advirten de que a deixadez do executivo de Sanmartín está a afectar á prestación dun servizo esencial e á estabilidade financeira do Concello.
Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2025. O Grupo Municipal Socialista de Santiago de Compostela advertiu hoxe da parálise na Comisión do Ciclo Integral da Auga, máis dun ano despois da súa constitución, e instou ao Goberno local a convocala de inmediato e a dar conta do estudo encargado á Cátedra da Auga da Universidade da Coruña.
A concelleira socialista, Marta Abal, lembrou que “xa pasou máis de un ano desde a celebración desta primeira Comisión do Ciclo Integral da Auga e a día de hoxe non se convocou novamente esta Comisión, incumprindo o propio acordo que foi a proposta da Alcaldesa, que exerce como Presidenta da Comisión”.
Abal sinalou tamén que “no mes de xuño de 2024 habilitáronse 80.000 euros con cargo ao remanente líquido de tesourería para facer fronte a este estudo da Universidade da Coruña, fondos que deben executarse e pagarse antes do 31 de decembro de 2024. Se a día de hoxe nada sabemos dese estudo, entendemos que estes 80.000 euros se perderon”.
A edil insistiu en que a situación é “moi preocupante desde o punto de vista da prestación do servizo, porque día si e día tamén vemos avarías no sistema, pero tamén desde o punto de vista da estabilidade financeira do Concello”.
Segundo explicou, entre 2010 e 2020 o Concello tivo que facer fronte a pagos por importe de “case cinco millóns e medio de euros, cartos que houbo que detraer de outras finalidades e de partidas para facer fronte a outras necesidades de investimento que ten o Concello”.
Abal tamén advertiu da ausencia de avances no protocolo coas actuacións vinculadas ao aparcadoiro do Clínico, lembrando que “ese protocolo prevé un convenio específico entre o Concello e Augas de Galicia para mobilizar cinco millóns de euros, pero a día de hoxe nin sequera se formalizou ese convenio de colaboración”.
“O servizo é claramente insuficiente en moitos ámbitos, sobre todo no rural, onde directamente o abastecemento e o saneamento non existen. É necesario proceder á renovación das redes e poñer fin á situación de precariedade na que nos atopamos”, concluíu Abal.
Comisión de seguimento dos orzametos
Pola súa banda, o voceiro socialista Gumersindo Guinarte lembrou que “aínda non tivemos resposta por parte do Goberno municipal para esa reunión de seguimento dos acordos orzamentarios de 2024 e 2025” e advertiu que “mentres iso non se produza, non imos dar ningún paso para a negociación dun novo orzamento”.
Finalmente, Marta Abal referiuse tamén á situación do servizo de limpeza e recollida de residuos, destacando que “día si e día tamén vemos contedores marróns avariados, que deberían abrir só cunha chave, e é imprescindible que se garanta o cumprimento do contrato, porque se se garante o cumprimento do contrato, seguro que baixará o canon que temos que pagar a Sogama”.
“Non facer nada non é unha opción. Santiago necesita planificación, cumprimento dos acordos e unha xestión responsable dos servizos públicos”, reiterou a concelleira socialista.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)