Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today22 octubre, 2025
Marta Abal advertiu de que o Concello destinará preto de 4 millóns do remanente de 2024 a amortizar débeda en lugar de investir en proxectos financeiramente sostibles.
Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2025. A concelleira socialista Marta Abal criticou este mércores a “incapacidade do goberno municipal para articular medidas que permitan destinar o crédito sobrante a investimento financeiramente sostible” e alertou dunha “redución significativa” nas actuacións de obra pública executadas polo Concello de Santiago nos dous últimos anos.
Segundo explicou, no vindeiro pleno elevarase a consideración da corporación “a amortización da débeda con cargo ao crédito que sobrou do ano 2024”, o que supón “case 4 millóns de euros de remanente líquido de tesourería”. “É dicir, do crédito que sobrou da liquidación do orzamento do ano 2024 pois que se vai destinar a amortización da débeda e que pon de manifesto a incapacidade do goberno municipal para poder articular as medidas que permitan destinar este crédito a investimento financeiramente sostible”, afirmou.
Abal sostivo que “a normativa permite destinar este crédito a investimento financeiramente sostible” e atribuíu a situación a que “lles costa tirar da estrutura municipal”. Como exemplo, lembrou que “a liquidación presentouse case tres meses máis tarde do que permite a normativa” e que esa demora “impide articular as medidas necesarias para destinar o crédito sobrante a investimento”.
A edil explicou que, como consecuencia, “ano tras ano, desde que entrou este goberno, están reducindo o número de actuacións de obra pública que están a licitar”. Apuntou que en 2023 “licitáronse un total de 23 obras públicas”, mentres que en 2024 “foron só 16” e que, no que vai de 2025, “a última obra pública licitouse o 12 de agosto e hai tan só 17 actuacións”.
“Temos un baixón bastante importante en canto ao número de actuacións”, engadiu Abal, quen subliñou que isto implica que “estamos a intervir moito menos no noso espazo público e en mellorar as condicións de urbanización e investimento nos barrios”. En termos comparativos, a concelleira socialista afirmou que en dous anos e medio de goberno o actual goberno licitou “un 22,41%” menos de actuacións de obra pública que nos primeiros dou anos do mandato anterior.
A concelleira incidiu en que a situación é “máis preocupante” tendo en conta que “este é o segundo ano completo de goberno de Compostela Aberta e do Bloque Nacionalista Galego”, cando “xa deberían estar máis que entrenados e contan cunha estrutura administrativa máis reforzada”. Comparou a situación coa anterior lexislatura: “No noso ano 2021, que era o segundo ano completo, estábamos en pandemia e licitamos un 50% máis”, segundo indica a concelleira, de contratos de obra pública.
Abal concluíu que “non temos falta de crédito, de feito imos amortizar débeda, pero si temos unha falta de capacidade e de impulso político”. Segundo indicou, “do plan de contratación de 2025, que prevé 31 actuacións de obra pública, só están licitadas 14”. Ademais, lembrou que “o anexo de investimentos deste ano ascende a case 12,5 millóns de euros, dos cales máis de oito millóns aínda non se dispoñen”.
A socialista advertiu que “dos 5,8 millóns previstos pola venda de parcelas, só se van producir 2,17 millóns de euros”, polo que “decaen 3,63 millóns do anexo de investimentos”. Ante esta situación, anunciou que o grupo socialista proporá “negociar que actuacións van decaer no marco da negociación dos orzamentos de 2026”.
Tamén explicou que o PSdeG solicitou “un estado de execución das actuacións que financian obra pública” e propuxo “pechar co goberno un cronograma de execución ata o final da lexislatura”. O obxectivo, dixo, é “revisar periodicamente o cumprimento dese cronograma” porque “nos interesa que se mellore este indicador e, sobre todo, que os cartos non estean parados no banco”.
Por último, Abal pediu ao goberno municipal que “mellore a planificación das obras públicas” e puxo como exemplo a actuación en Pontepedriña. Segundo denunciou, “da obra non se falou absolutamente nada previamente co Instituto de Pontepedriña; eles enteráronse polos medios”. Engadiu que “chegará un momento da execución da obra no que os coches que habitualmente aparcan dentro do recinto non poderán facelo, e a día de hoxe non hai alternativa”, afectando non só aos vehículos do alumnado con transporte adaptado e ambulancias, senón tamén ás prazas habituais do profesorado e do persoal do centro, que se verán imposibilitados para aparcar durante a obra.
A concelleira cualificou a situación de “bastante grave” e anunciou que o grupo socialista formulará unha pregunta no pleno sobre esta cuestión: “O que non podemos tolerar é que se fagan as obras sen planificación e sen pensar nas incidencias que poden ter no entorno”.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)