AD

Actualidad

Os socialistas de Santiago esixen unha resposta firme fronte aos discursos de odio LGTBI

today30 mayo, 2025

Fondo
share close
AD

Guersindo Guinarte insta a todos os grupos municipais a apoiar a moción socialista para que se transforme nunha declaración institucional de unidade e compromiso.

A proposta inclúe reforzar a atención ás vítimas, impulsar campañas de sensibilización e reclamar á Xunta máis recursos para aplicar con eficacia a Lei LGTBI galega.

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2025. O voceiro do Grupo Municipal Socialista no Concello de Santiago, Gumersindo Guinarte, anunciou a presentación dunha moción no Pleno do vindeiro 3 de xuño con motivo do Día Internacional contra a Homofobia, a Transfobia e a Bifobia. A iniciativa busca combater de maneira decidida a proliferación de condutas LGTBIfóbicas e garantir os dereitos do colectivo desde o ámbito local.

“A nosa vontade é que esta moción poida converterse, co apoio de todos os grupos municipais, nunha declaración institucional. Parécenos que sería o lóxico e o razoable nun momento en que as condutas e os comportamentos de odio están campando de xeito inasumible e inaceptable nunha sociedade que debe ser tolerante como a nosa”, afirmou Guinarte.

A moción do PSdeG inclúe medidas clave como o reforzo dos servizos de atención ás vítimas, o deseño de campañas municipais de sensibilización, a formación específica da Policía Local, así como a incorporación de materiais sobre diversidade LGTBI nos centros educativos e nas bibliotecas públicas.

Ademais, desde o Grupo Socialista reclámase á Xunta de Galicia que incremente os recursos humanos e económicos destinados á aplicación da Lei LGTBI autonómica, que promova estudos anuais sobre o impacto dos discursos de odio e que se persoen como acusación en casos graves de agresións LGTBIfóbicas.

“A defensa dos dereitos LGTBI non admite ambigüidades. As administracións locais debemos ser firmes á hora de responder e anticiparnos aos discursos de odio que, por desgraza, están a medrar co aval dalgunhas forzas políticas”, advertiu Guinarte.

Con esta proposta, as e os socialistas de Compostela reafirman o seu compromiso coa construción dunha sociedade máis xusta, igualitaria e libre de discriminacións, e fan un chamamento ao resto da Corporación a sumarse a unha resposta institucional conxunta “á altura do que espera a cidadanía e do que merece unha cidade aberta e plural como Compostela”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *