Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today4 septiembre, 2025
Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2025. O Grupo Municipal Socialista de Santiago celebrou esta mañá a primeira rolda de prensa do novo curso político no Pazo de Raxoi, na que presentou o seu balance da acción de goberno e avanzou as prioridades que considera urxente abordar no último tramo do mandato.
O voceiro socialista, Gumersindo Guinarte, sinalou que este curso político é a última oportunidade para o goberno de Goretti Sanmartín dea resposta ás numerosas cuestións que seguen pendentes. “Nestes dous anos que van de mandato municipal, o goberno viviu de rendas, levando a cabo proxectos en diversas fases de posta de marcha, por parte do anterior goberno socialista” afirmou.
O grupo socialista puxo o foco na deficiente xestión municipal, destacando a baixa porcentaxe de execución do plan de contratación para 2024, cun 9% de avance, a precarización de contratos e a preocupante falta de diálogo tanto coa corporación como cos distintos colectivos e asociacións da cidade.
Vivenda
A concelleira Marta Abal subliñou graves atrancos de accesibilidade á vivenda en Santiago de Compostela e instou ao goberno municipal a pasar á acción cunha política de vivenda a curto prazo e con solucións reais.
As e os socialistas reclamaron abandonar as leas partidistas e que se desbloquee a declaración de Santiago como zona de mercado residencial tensionado; a necesidade de mobilizar as máis de 6.000 vivendas baleiras na cidade con incentivos fiscais positivos en lugar de aplicar medidas coercitivas ineficaces; a constitución da empresa municipal de vivenda e solo ou a aprobación definitiva do Plan Peleteiro.
Limpeza e recollida de lixo
O grupo socialista denunciou tamén que un servizo, que consideran esencial na xestión municipal, como é o de limpeza e recollida de lixo está a fallar gravemente, cun claro incumprimento do contrato no que non se están a dispoñer de todos os medios humanos e materiais establecidos. Cuestionan tamén que haxa alguén no goberno supervisando de forma efectiva este servizo esencial.
Mobilidade e transporte público
En materia de mobilidade, as e os socialistas poñen de manifesto a opacidade do goberno respecto ao novo modelo de xestión do transporte público, así como a falta de progreso no proceso de concesión de novas licencias de taxi que aínda non se convocaron de forma oficial.
Educación e servizos sociais
O Grupo Municipal debullou tamén as promesas incumpridas no eido da educación e a conciliación familiar. Segundo explicou Marta Abal, o BNG prometeu unha revolución nesta área, mais a realidade demostrou que se mantivo o modelo socialista, triplicando os prezos para as familias.
Abal reclamou ademais que o Espazo de Lecer María Miramontes, situado nas Fontiñas, deixe de ser un proxecto piloto e se replique noutros barrios da cidade, dado o seu éxito e a elevada demanda por parte das familias.
O rural
“A gran débeda que hai que resolver”, así cualificaron as e os socialistas a relación coas parroquias rurais de Santiago e especialmente as súas necesidades de saneamento e abastecemento. Instan ao goberno municipal a desbloquear de forma inmediata a situación e a cumprir cos compromisos adquiridos no Pacto polo Rural.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)