AD

Comarca

Outes sela un acordo histórico para garantir o futuro do río Tins

today28 marzo, 2026

Fondo
share close
AD
  • O acto final do proxecto Renatur_Outes consolida un modelo de cooperación entre universidade, administración e cidadanía e dá paso a un novo ciclo para manter vivo o coidado do río.
  • O acordo de custodia fluvial formaliza un compromiso pioneiro para garantir a conservación, seguimento e posta en valor do río Tins.
  • Os resultados deste proxecto de restauración ecolóxica, que coordinou a Fundación CEER, sitúan a Outes á vangarda da recuperación ecolóxica con participación social e base científica.

O Auditorio Municipal da Casa da Cultura acolleu o acto de presentación final de Renatur_Outes, unha xornada que reuniu a representantes institucionais, persoal técnico, comunidade científica e veciñanza nun ambiente de participación e recoñecemento ao traballo compartido durante tres anos.

No acto institucional participaron Francisco Calo, alcalde de Outes, Inês Gusman, directora da Fundación CEER, Joám Evans, director da Fundación Montescola, xunto con representantes da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, así como os investigadores da Universidade da Coruña, Universidade de Santiago e Universidade de Vigo que participaron no proxecto.

A sinatura do acordo de custodia fluvial marcou o momento central da xornada. Fundación CEER, como organismo representativo das universidades públicas galegas e do Norte de Portugal, Concello de Outes e Fundación Montescola formalizaron un compromiso que establece un marco de colaboración para a conservación, restauración, seguimento e posta en valor do río con perspectiva de futuro.

O acordo recolle liñas de traballo centradas na conservación do ecosistema, na continuidade das accións educativas cos cativos, na dinamización da participación social e na coordinación entre entidades. A proposta busca manter o interese polo río e asegurar o cumprimento da “Declaración de Dereitos do río Tins”, un fito histórico e pioneiro, que converteu o Tins no primeiro río de España con dereitos recoñecidos.

Desde a Fundación CEER, a súa directora, Inês Gusman destacou o alcance deste paso: “Falamos dun compromiso que conecta coñecemento, territorio e comunidade para que o río siga sendo un espazo vivo no tempo. A sinatura deste acordo de custodia marca un punto e seguido que permitirá seguir coidando o río Tins desde un enfoque compartido”.

Do roteiro ao bosque comestible

A xornada incluíu tamén varias accións no propio terreo fluvial. As persoas asistentes participaron nun pequeno roteiro pola ribeira do río, que permitiu coñecer de primeira man as intervencións realizadas e inaugurar os novos paneis divulgativos, deseñados para explicar o valor ecolóxico do río e as actuacións levadas a cabo, facilitando a comprensión do espazo tanto para a veciñanza como para quen o visita.

Outro dos puntos destacados foi a posta en marcha do bosque comestible, unha iniciativa que xurde da petición da propia cidadanía e que combina biodiversidade e uso social, incorporando especies autóctonas que contribúen á recuperación ecolóxica do espazo.

Tres anos de transformación

Renatur_Outes naceu co propósito de recuperar o tramo urbano do río Tins ao seu paso por Outes, devolvéndolle espazo, diversidade e continuidade ecolóxica. Para iso actuouse sobre o bosque de ribeira, reforzando a presenza de especies autóctonas e retirando vexetación invasora.

As intervencións permitiron restaurar máis de 20.000 metros cadrados de áreas verdes, recuperar dous quilómetros de cauce, limpar máis de 4 quilómetros de río, xerar 300 m2 de illas de biodiversidade e mellorar a conectividade ecolóxica. O resultado tradúcese nun entorno máis equilibrado e integrado no día a día do municipio.

A implicación social marcou o desenvolvemento do proxecto desde o inicio. Centos de persoas participaron en actividades de voluntariado, espazos de gobernanza e accións colectivas arredor do río.

A dimensión educativa mantivo un papel central, con actividades dirixidas á infancia para fomentar o coñecemento e o coidado do entorno. Esta liña continuará agora a través do acordo de custodia, reforzando a relación co medio desde idades temperás.

Un referente que segue en movemento

O río Tins consolídase como exemplo galego de restauración ambiental e como referencia dun modelo baseado na cooperación entre entidades, administración e sociedade. A sinatura deste acordo de custodia consolidará o vínculo entre o río e a veciñanza de Outes de maneira sostida no tempo.

Renatur_Outes é froito da colaboración entre o ámbito universitario (Universidade de Vigo, Universidade de Santiago de Compostela e Universidade da Coruña), o Concello de Outes e as fundacións CEER e Montescola. O proxecto conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resilencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – Next GenerationEU.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *