Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today1 marzo, 2026
O alcalde de Brión, Pablo Lago, fixo balance da actualidade municipal nunha entrevista en Radio Líder Santiago con Álvaro Veiga, onde abordou cuestións clave como as obras da AC-543, o novo plan de iluminación pública, a relación coa Deputación e a Xunta, o futuro político persoal e a delicada situación da Mancomunidade Serra do Barbanza.
Nunha conversa ampla e sen esquivar polémicas, Lago insistiu en que a súa prioridade é “poñer Brión por enriba de todo” e deixou aberta a súa continuidade política, aínda que condicionada ao cumprimento do seu programa.
Infraestruturas: do “despropósito” da AC-543 ao aforro histórico en iluminación
Un dos asuntos centrais foi a evolución das obras de humanización da AC-543 ao seu paso polo municipio. Lago lembrou as dificultades iniciais coa empresa adxudicataria, que cualificou como unha situación de “abandono” e “mala sinalización”.
“Era un despropósito. A verdade que me fixo sufrir moitísimo. Entendo perfectamente as queixas da veciñanza”. Co cambio de empresa, asegura que a situación mudou radicalmente: “Nota se ven a organización, a forma de traballar. En dous meses xa se empezan a ver resultados”. O alcalde estima que, se o ritmo continúa, a obra podería estar rematada “en seis meses”, aínda que apelou á prudencia.
Outro dos grandes proxectos é o plan de renovación da iluminación pública, cun investimento de 2,7 millóns de euros financiado polo IDAE. Definiuno como unha actuación “histórica” para un concello pequeno como Brión. “Son 3.145 puntos de luz que se van cambiar. Vai supoñer un aforro enerxético de 135.000 euros ao ano, co que se pagará a financiación”.
Lago subliñou que quixo acometer a renovación integral e non por fases: “Se non, non daríamos feito Concello nos próximos quince anos”.
Ponte arrasada polo temporal e melloras pendentes
O temporal tamén marcou o inicio de ano coa caída dun tramo dunha ponte que levaba tres anos pendente de solución administrativa entre Augas de Galicia e Patrimonio. “Que teñan tranquilidade, estamos traballando. En poucos días teño reunión en Augas para desbloquear definitivamente o que hai que facer”.
En materia viaria, reclamou á Deputación máis axilidade en actuacións comprometidas como as beirarrúas de Mourentáns ou a ampliación da estrada de Gronzo, nunha zona en crecemento. “A min puxéronme aquí os veciños para traer cousas para Brión, non para ser simpático coa Administración”.
Xunta vs Deputación: “A Xunta cumpre en tempo e forma”
Preguntado pola colaboración institucional, o rexedor foi claro ao diferenciar comportamentos. “Da Xunta non teño nada que dicir. Cando chegas a un acordo, cúmprese en tempo e forma. A Deputación neso ten moito que mellorar”.
Lago insistiu en que non actúa por cores políticas: “Poden alimentar moitas películas, pero eu vou cos veciños de Brión. Non entendo de cores, entendo de obras executadas”.
Sobre unha posible candidatura nas próximas eleccións, o alcalde deixou unha reflexión que marca prazos. “Dentro de seis meses farei unha entrevista onde sacarei todo o que prometín. Se non fun capaz de cumprir o que prometín, non me vou presentar”.
Asegura non ter “necesidade de seguir sentado nunha cadeira” e reivindica a humildade na xestión: “Non está todo ben. Cometemos erros todos os días. Pero hai cultura, patrimonio, servizos sociais… hai moito máis que obras”.
Mancomunidade Serra do Barbanza: defensa da decisión de ir a Sogama
A parte máis contundente da entrevista chegou ao abordar a situación da Mancomunidade Serra do Barbanza e o traslado do lixo a Sogama.
Lago explicou que a decisión foi adoptada pola Asemblea tras considerar que non existía outra vía viable e ante o risco de sancións europeas. “Eu non fun culpable de ir a Sogama; culpables fomos todos. Era o camiño que nos quedaba”.
Criticou con dureza o que cualificou como incoherencias políticas: “Non se pode votar que si e ao día seguinte dicir que o modelo é malo. Non fagamos política rastrera”.
Revelou ademais a situación económica herdada: “Debemos 23 millóns de euros. A min puxéronme multas coercitivas de mil euros ao mes. E non vexo a ninguén empatizando”.
Segundo concluiu, Brión destinou 900.000 euros do POS a pagar débeda do lixo, o que condiciona investimentos municipais.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)