Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today24 enero, 2025
• A enquisa será a base para a elaboración dun proxecto que se presentará ao Instituto da Mocidade (INJUVE) e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para acceder a unha axuda económica
• O enlace da enquisa estará dispoñible tanto na web de padron.gal como nas redes sociais do Concello de Padrón
• O obxectivo do Concello de Padrón é programar actividades para a xuventude que durante anos estivo esquecida
Padrón. 23-1-2025.- O Concello de Padrón, a través dos departamentos de Novas Tecnoloxías, Mocidade e Voluntariado, pon en marcha unha enquisa dirixida á mocidade padronesa co obxectivo de coñecer as súas inquietudes, ideas e suxestións sobre diversos aspectos da localidade. Esta iniciativa busca cubrir un baleiro detectado nos últimos anos, xa que os mozos e mozas do municipio non dispoñían dunha programación específica que se axustase ás súas necesidades e intereses.
A enquisa está dirixida a persoas de entre 14 e 35 anos e persegue dar voz á mocidade para identificar aspectos que desexan mellorar, cambiar ou reivindicar en Padrón. Ademais, inclúe unha sección específica para coñecer o seu interese no ámbito gaming, unha actividade en crecemento que podería converterse nunha alternativa de entretemento e formación no municipio. Tamén se consultan as súas expectativas sobre o voluntariado e a posible creación dunha Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX).
Os resultados desta consulta cidadá serán a base para a elaboración dun proxecto que o Concello presentará ao Instituto da Mocidade (INJUVE) e á Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) co fin de optar a unha axuda económica de ata 48.000 euros. Esta subvención permitirá financiar actividades e proxectos que favorezan o desenvolvemento persoal e o benestar dos mozos e mozas do municipio.
Desde o Concello de Padrón faise un chamamento á participación da mocidade, resaltando que a súa implicación é fundamental para avanzar cara a unha localidade máis inclusiva e dinámica. «Queremos escoitar aos mozos e mozas, esta é unha oportunidade para que se fagan escoitar e formen parte activa da transformación da súa propia contorna», declarou Laura Horta, concelleira de Novas Tecnoloxías.
A enquisa estará dispoñible en liña ata o próximo 31 de xaneiro a través da páxina web oficial do Concello (www.padron.gal) e das redes sociais de Facebook e Instagram. Para máis información, as persoas interesadas poden poñerse en contacto co Concello a través do teléfono 981 810 451.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)