Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today3 octubre, 2025
• O acto terá lugar o martes 7 de outubro ás 17.00 horas no Auditorio Municipal con entrada libre ata completar aforo
• A cita está organizada polos concellos de Padrón, Rois e Dodro a través do Centro de Información á Muller Terras de Iria
• A visita institucional inclúe unha recepción no concello de Padrón e a sinatura no libro de honra
Padrón. 2-10-2025.- O Concello de Padrón, a través do Centro de Información á Muller Terras de Iria, organiza xunto cos concellos de Rois e Dodro a presentación do libro Nosotras: el feminismo en la democracia, da presidenta do Consello de Estado e exvicepresidenta do Goberno, Carmen Calvo. O acto celebrarase o martes 7 de outubro ás 17.00 horas no Auditorio Municipal con entrada libre ata completar aforo. Ademais, as persoas asistentes poderán adquirir exemplares do libro no propio auditorio.
A visita de Carmen Calvo desenvolverase no marco dunha axenda institucional que contará coa participación dos alcaldes de Padrón, Anxo Arca, e de Dodro, Xabier Castro, así como da concelleira de Servizos Sociais de Rois, Mercedes Basante, da concelleira de Igualdade de Padrón, Mariló Saco, e do persoal do CIM. A programación inclúe unha recepción no Concello de Padrón, seguida da sinatura no libro de honra, antes da presentación pública do libro.
Publicado por Planeta, Nosotras propón unha crónica feminista do século XXI en clave política e social. A autora analiza os avances do feminismo en España dende a chegada da democracia e identifica os retos que seguen pendentes para garantir unha igualdade real. Considerada unha das voces feministas máis recoñecidas do país, Calvo defende a necesidade de reforzar a loita pola igualdade nun momento no que, ao seu xuízo, existe confusión arredor do propio concepto de feminismo.
A obra combina a reflexión histórica co compromiso persoal da súa autora, quen achega tamén propostas de acción concretas para combater as discriminacións de xénero. Ademais, bebe da súa experiencia vital e política, coa intención de recoñecerse en outras mulleres e de ofrecer unha mirada compartida sobre dereitos, demandas e esperanzas.
Con este acto, o Concello de Padrón reforza o seu compromiso coa igualdade de xénero e coa promoción de espazos de encontro e debate arredor das políticas feministas.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)