Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
• Insta á cidadanía a utilizar o servizo especial e gratuíto de recollida domiciliaria ou a entregalos no Punto Limpo Municipal
Padrón.24-10-2024.- Nas últimas semanas, o Concello de Padrón detectou un incremento preocupante no abandono indiscriminado de mobles, electrodomésticos e outros útiles domésticos ao carón dos colectores de lixo. Este tipo de accións, como reflicten as imaxes tomadas recentemente en varias rúas do municipio, afean a contorna, crean molestias para a veciñanza e poden chegar a ser perigosas tanto para o tráfico rodado como para o tránsito de peóns.
Co obxectivo de solucionar esta situación e garantir unha mellor xestión dos residuos voluminosos, o Concello recorda á cidadanía que existe un servizo de recollida domiciliaria que permite desfacerse destes obxectos de maneira adecuada e sen causar impacto negativo nas rúas do municipio. Para utilizar este servizo, as veciñas e veciños poden solicitar a recollida chamando ao teléfono gratuíto 900 102 041 ou ao móbil 667 405 389, en horario de luns a venres de 10.00 a 14.00 horas. Unha vez solicitada a recollida, os obxectos deberán ser depositados no lugar indicado polo servizo, preferentemente ao carón do colector de lixo máis próximo, seguindo as instrucións proporcionadas.
Ademais, aquelas persoas que prefiran levar directamente os seus residuos voluminosos poden facelo no Punto Limpo Municipal, que está aberto de luns a venres de 10.00 a 14.00 horas e os sábados de 12.00 a 14.00 horas.
Este servizo de recollida está destinado a mobles e obxectos de medio ou gran volume, como sofás, cadeiras, portas, caixas de madeira ou xoguetes rotos, entre outros. Non se aceptan materiais de obra, mobles de cociña, sanitarios ou obxectos similares orixinados por obras na vivenda; nin vidros ou cristais, que deberán ser trasladados ao Punto Limpo.
O Concello fai un chamamento á responsabilidade da cidadanía e insiste na importancia de evitar o abandono de útiles na vía pública sen previa solicitude do servizo de recollida. Tamén se recomenda evitar depositar obxectos en zonas que poidan dificultar o paso ou provocar accidentes, así como respectar os horarios e puntos de depósito indicados para garantir unha correcta xestión dos residuos.
Con esta iniciativa, o Concello de Padrón busca preservar a limpeza e a boa imaxe do municipio, ao tempo que facilita á veciñanza os medios necesarios para colaborar no coidado do espazo público.
Para máis información, pódese consultar a nota informativa completa nesta ligazón.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)