AD

Actualidad

Padrón avanza na reparación histórica retirando os recoñecementos a Franco

today20 marzo, 2025

Fondo
share close
AD

 

  • A proposta será presentada no Pleno que se celebrará o xoves 27 de marzo
  • A medida, que responde á Lei de Memoria Democrática, inclúe a devolución da Medalla de Ouro e un rexeitamento ao réxime franquista
  • “É un acto de xustiza e reparación necesario”, subliña o alcalde Anxo Arca

Padrón. 20-3-2025.- O Pleno do Concello de Padrón incluirá na sesión ordinaria do 27 de marzo a proposta para a retirada das honras e distincións concedidas ao ditador Francisco Franco, como parte do compromiso coas obrigas establecidas na Lei 20/2022, de Memoria Democrática.

A decisión chega tras a confirmación dun feito histórico que se remonta ao ano 1945, cando o Concello de Padrón acordou conceder tres recoñecementos honoríficos a Francisco Franco na súa visita á vila para conmemorar a Exposición Agrícola do Día de Galicia. Así, o ditador foi nomeado fillo adoptivo de Padrón, Alcalde honorario e receptor da Medalla de Ouro do Concello, tal e como recolle a acta da sesión celebrada o 7 de agosto.

Conforme á Lei de Memoria Democrática, que obriga á revisión de recoñecementos e distincións a persoas vinculadas ao réxime franquista, o goberno municipal propoñerá no próximo pleno a retirada inmediata destas distincións. A medida tamén inclúe a petición formal de devolución da Medalla de Ouro concedida aos seus herdeiros e herdeiras.

Entre as propostas que irán ao pleno deste mes de marzo inclúese así mesmo o rexeitamento do Concello de Padrón ao réxime franquista e a todas as prácticas antidemocráticas que asasinaron, someteron, humillaron e discriminaron a unha grande parte da sociedade española durante os anos que durou a ditadura.

Ademais, o goberno municipal de Padrón anunciou que, como parte do seu compromiso coas vítimas da ditadura, iniciará a retirada gradual de símbolos franquistas que aínda permanecen en diferentes puntos do municipio.

Reparación ás vítimas

O alcalde de Padrón, Anxo Arca, afirmou que estes pasos forman parte dunha acción máis ampla de xustiza e reparación para as vítimas do franquismo. «Cincuenta anos despois do falecemento do ditador, en pleno ano Castelao, Padrón retira toda honra a Franco. Uns recoñecementos que nunca mereceu e que pesaban sobre a memoria das súas vítimas. Sen dúbida é un acto de xustiza e reparación necesario», declara o rexedor.

Esta decisión reforza o compromiso do Concello coa democracia e co rexeitamento ás prácticas antidemocráticas que marcaron a historia recente de España. O goberno local reitera o seu apoio á defensa dos dereitos e liberdades establecidos pola Constitución de 1978 e ao maior período de paz e liberdade da nosa historia.

Día da Memoria Democrática Padronesa

Padrón chega, por tanto, á celebración do segundo Día da Memoria Democrática Padronesa que se celebrará o vindeiro 14 de abril, dando outro paso importante na reparación e recoñecemento ás vítimas do franquismo. Isto reforza o compromiso do goberno local co rexeitamento ao réxime e en defensa da democracia instaurada dende a aprobación da Constitución de 1978 que deu comezo ao maior período de paz e expansión de dereitos e liberdades da nosa historia.

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *