AD

Comarca

Padrón celebra esta fin de semana a IX Exposición da Camelia e do Bonsái con 72 expositores

today27 marzo, 2025

Fondo
share close
AD

• A cita dobra o número de participantes con respecto á pasada edición
• O alumnado do CEIP Rosalía de Castro amosará por primeira vez os seus exemplares
• A entrada é libre e gratuíta para todas as actividades e os talleres non requiren inscrición previa
• A inauguración será o sábado ás 13.00 horas e inclúe un acto de irmandamento coa Exposición da Camelia do Concello de Vedra
• Haberá unha mostra de produtos de xoiería e cosmética elaborados con camelias e orquídeas

Padrón. 27-3-2025.- Padrón celebra o sábado 29 e o domingo 30 de marzo a IX Exposición da Camelia e do Bonsái, un evento consolidado que cada ano atrae a afeccionados e expertos de toda Galicia. Nesta edición, a mostra dará cabida a 72 expositores, unha cifra que supón un incremento notable respecto aos 34 inscritos no pasado ano e que reafirma a súa proxección. Entre as novidades desta fin de semana destaca a presenza, por primeira vez, do CEIP Rosalía de Castro que amosará os seus exemplares.

A apertura da exposición será o sábado 29 de marzo a partir das 9:30 horas coa colocación das flores por parte dos participantes. A inauguración oficial está prevista para as 13:00 horas, momento no que se celebrará un acto de irmandade coa Exposición da Camelia de Vedra, que contará coa presenza do alcalde de Vedra, Carlos Martínez. Hai que lembrar que ambos concellos xa realizaron este mesmo acto en Vedra o pasado 23 de febreiro. Ademais, un numeroso grupo de veciños e veciñas desta localidade visitará a mostra pola tarde, despois dun percorrido polo Xardín Botánico e a Casa Museo de Rosalía.

A exposición deste ano inclúe unha espectacular mostra de bonsáis a cargo de Luis Baliño e de José Freire e novidades como unha mostra de xoiería elaborada con ouro, prata e cobre que emprega camelias e orquídeas como elementos inspiradores. Tamén se poderán adquirir produtos de cosmética feitos con aceite de camelia.

As persoas que se acheguen ao Convento do Carme poderán gozar dun amplo programa de actividades con talleres gratuítos para todos os públicos. O sábado pola tarde, desenvolveranse diferentes demostracións, entre elas un obradoiro de sombreiros sancosmeiros impartido pola Asociación A Pórtela Vella (16:30 horas) e unha demostración de arte floral con camelias a cargo de Floraría Chorima (18:30 horas).

O domingo a programación continuará con novas propostas, como un obradoiro de cerámica para nenas, nenos e persoas adultas (11:00 horas), unha visita guiada á exposición a cargo de José Freire (12:30 horas) e un taller de poda e coidado de froiteiras con Alfonso Touceda (16:30 horas). O evento pechará as súa portas o domingo ás 19:00 horas.

Galardóns con cerámica de Buño

O certame entregará diversos recoñecementos, incluíndo os premios Amigos da Camelia de Padrón, que distinguirán os mellores lotes de flores en distintas categorías, e o premio Orixe Galega á mellor flor individual de orixe galega. Como novidade, os galardóns serán pezas artesanais de cerámica de Buño.

A IX Exposición da Camelia e do Bonsái conta co apoio do Concello de Padrón e está consolidado xa como un referente no panorama cultural e natural de Galicia, destacando o valor ornamental e patrimonial desta especie.

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *