AD

Comarca

Padrón celebra o Día da Muller coa emotiva entrega dos Premios Rumorosas 2025

today8 marzo, 2025

Fondo
share close
AD

 

• A concelleira de Igualdade e Muller, Mariló Saco, leu o manifesto do 8M destacando a importancia desta data como un día de reivindicación polos dereitos das mulleres e de loita contra todas as formas de discriminación por razón de sexo
• O Auditorio Municipal acolleu tamén a actuación de Catro Cores, un grupo de catro mulleres que forman o único cuarteto de trompas de Galicia
• O alcalde volveu amosar o compromiso do Concello de Padrón “na loita pola igualdade” e por darlle o protagonismo que merecen
• Rendeuse homenaxe a María José Castro, Beatriz Vázquez Lorenzo, Elena Villaverde, Isabel Oliveira, Martina López, Miriam Cortizo, Noa Vázquez e ao CIM Terras de Iria

Padrón. 8-3-2025.- O Concello de Padrón, a través da súa Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM), celebrou hoxe sábado 8 de marzo unha xornada especial para conmemorar o Día Internacional da Muller, destacando a importancia da igualdade e poñendo en valor a traxectoria de mulleres loitadoras, emprendedoras e referentes do municipio. “É de xustiza que dunha vez por todas o mundo sexa sostido pola forza da igualdade, pola forza das mulleres libres e iguais”, dixo o alcalde, Anxo Arca.

A xornada comezou ao mediodía no Auditorio Municipal co acto institucional de lectura do manifesto do 8M a cargo da concelleira de Igualdade e Muller. Mariló Saco resaltou a importancia desta data como un día de reivindicación polos dereitos das mulleres e de loita contra todas as formas de discriminación por razón de sexo. Recoñeceu os avances logrados en materia de igualdade pero subliñou que aínda queda moito camiño por percorrer. “A achega das mulleres ao longo da historia en todos os ámbitos é incuestionable á vez que invisible, e o que queremos manifestar nesta data é o noso convencemento en que as cousas poden e deben cambiar», subliñou.

A concelleira tamén destacou o papel fundamental da educación para promover unha sociedade máis igualitaria, apostando pola formación en materia de igualdade e prevención da violencia de xénero. Por último, reafirmou o compromiso do goberno local en traballar por unha igualdade real e efectiva, facendo un chamamento á implicación de toda a sociedade nesta loita. “O Concello de Padrón sostén o seu compromiso de traballar naquelas medidas que favorezan a igualdade de oportunidades en todos os ámbitos e para todas as persoas, independentemente do seu sexo. Por todo iso nesta data tan sinalada queremos axuntar esforzos por lograr que a igualdade buscada sexa real e efectiva, e que esta loita non só sexa de as mulleres senón do conxunto da sociedade”, concluíu.

Música, coloquio e premios

O acto continuou co concerto de Catro Cores, un grupo de catro mulleres que na actualidade forman o único cuarteto de trompas de Galicia, e cun coloquio aberto ao público sobre o papel das mulleres na cultura e na sociedade.

Debido ás condicións meteorolóxicas adversas, o Mercado Voces Delas, que ía ter lugar á primeira hora da mañá na praza de Baltar, foi adiado. A nova data para a súa celebración será o sábado 29 e o domingo 30 de marzo, mantendo o obxectivo de seguir dando visibilidade ás mulleres emprendedoras da vila e os seus produtos.

O peche da xornada foi a entrega dos Premios Rumorosas 2025 que recoñeceron a traxectoria de sete mulleres padronesas e do CIM Terras de Iria. Este galardón destaca o legado de quen, coa súa dedicación e compromiso, contribúe a avanzar na loita por un mundo máis igualitario.

As premiadas desta edición foron:

• María José Castro, empresaria que continúa o legado familiar na hostalaría e comercio e recibiu este recoñecemento en lembranza da súa nai, Ramona Froján Díaz, coñecida como Chicha.
• Beatriz Vázquez Lorenzo, soprano e catedrática, referente na recuperación e difusión da canción galega e feminina.
• Elena Villaverde, enfermeira e pioneira no acollemento familiar en Padrón.
• Isabel Oliveira, mestra especializada en Educación Infantil e innovadora en educación emocional.
• Martina López, triatleta de élite e campioa de España, defensora do valor das mulleres no deporte. Recolleu o premio a súa nai Carmen porque ela está competindo hoxe fora de Galicia
• Miriam Cortizo, arquitecta e líder no ámbito da sustentabilidade e deseño urbano.
• Noa Vázquez, experta en xestión de produto, marketing e compras no sector da moda e do luxo e emprendedora coa súa marca de caramelos Doziños.
• CIM Terras de Iria, organización que leva 30 anos loitando pola igualdade e o empoderamento das mulleres en Padrón, Rois e Dodro.

O alcalde pechou o acto felicitando ás galardoadas e destacando o que cada unha delas lle aporta a Padrón, ao tempo que resaltou o papel histórico das mulleres na evolución da sociedade. Nun momento en que “as mensaxes machistas volven ser unha realidade”, Anxo Arca volveu remarcar o compromiso do Concello de Padrón “na loita pola igualdade.

Porque as mulleres sostiveron historicamente o mundo dende un segundo plano. É de xustiza que, dunha vez por todas, o mundo sexa sostido pola forza da igualdade, pola forza das mulleres libres e iguais”, asegurou.

A celebración do 8M en Padrón foi un acto de recoñecemento e reivindicación, que, ademais de celebrar os logros das mulleres na nosa vila, recordou a necesidade de seguir avanzando na loita pola igualdade real.

Este evento súmase ás outras actividades de sensibilización, talleres e accións nos centros educativos que durante o mes de marzo farán de Padrón un espazo vivo de reflexión e traballo polo dereito á igualdade.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *