Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today7 abril, 2025
• O evento conta cunha ampla programación de concursos morfolóxicos, exhibicións e un gran espectáculo ecuestre
• Repartiranse máis de 3.000 euros en premios nos concursos morfolóxicos
Padrón. 7-4-2025.- O Concello de Padrón acollerá o domingo 20 de abril a súa tradicional Feira Cabalar da Pascua, unha cita centenaria que se consolida como unha das máis relevantes no calendario ecuestre galego. Centos de gandeiros, criadores, afeccionados e visitantes reuniranse no Campo da Barca para participar nun evento que combina tradición, competitividade e espectáculo.
A xornada arrancará ás 9:30 horas coa retirada de dorsais na mesa da organización para os concursos morfolóxicos de todas as razas, que comezarán a partir das 10:00 horas. As probas están organizadas pola Asociación Pura Raza Cabalo Galego (PRG) e repartirán máis de 3.000 euros en premios.
Os concursos serán puntuables para a XXIV Copa Galicia PRG nas categorías de sementais e eguas maiores de tres anos, e incluirán tamén competicións para cabalos e eguas cruzadas, ponis e exemplares de Pura Raza Árabe. Estes últimos contarán cunha dotación económica especial, con premios de ata 170 euros para os primeiros clasificados.
Entre os concursos destaca tamén a sección de ponis, pensada especialmente para fomentar a participación de mozos e mozas, con premios de 50 euros para os cinco primeiros.
A partir das 13:00 horas, o público poderá gozar dun gran espectáculo ecuestre con exercicios de doma de alta escola, doma á vaqueira, redeas longas, fantasías ecuestres, doma en liberdade e coreografías con cabalos de Pura Raza Española, Lusitanos, Shetland e Pura Raza Galega. Esta exhibición conta coa colaboración da sección de doma de Alta Escola de Galicia da Asociación Pura Raza Cabalo Galego.
A organización lembra que todos os équidos participantes deberán presentar a documentación identificativa e sanitaria esixida na comunidade autónoma de Galicia, así como cumprir as obrigas establecidas en materia de responsabilidade civil. Os animais deberán estar atendidos polos seus propietarios en todo momento, e só poderán acceder á pista de exhibicións os exemplares participantes, permanecendo o paso ao público estritamente prohibido.
A Feira Cabalar da Pascua de Padrón continúa a consolidarse como un escaparate de excelencia do sector equino galego, atraendo a criadores e afeccionados de toda Galicia nunha xornada que mantén vivo o espírito e o prestixio desta histórica tradición.
PROGRAMA DE CONCURSOS E EXHIBICIÓNS
Domingo de Pascua. 20 de abril
09:30 horas.- Retirada de dorsais na mesa da organización para os concursos morfolóxicos de todas as razas (inscrición realizada previamente).
10:00 horas.- Concurso morfolóxico puntuable para a XXIV Copa Galicia PRG, sección sementais maiores de tres anos, inscritos no libro de rexistro xenealóxico da raza.
10:20 horas.- Concurso morfolóxico puntuable para a XXIV Copa Galicia PRG, sección eguas maiores de tres anos, inscritas no libro de rexistro xenealóxico da raza.
10:40 horas: Concurso Morfolóxico de Cabalos Cruzados, sección cabalos maiores de 3 anos.
11:00 horas: Concurso Morfolóxico de Eguas Cruzadas, sección éguas maiores de 3 anos.
Os premios nestas 4 categorías son de 150 euros para o primeiro, 90 euros para o segundo, 80 euros para o terceiro e 70 euros para o cuarto.
11:20 horas: Concurso Morfolóxico de Ponis (machos e femias xuntos). Poderán participar ponis de todas as razas, dándolle preferencia aos presentadores mozos (nenos e nenas). Os cinco primeros recibirán un premio en metálico de 50 euros.
11:40 horas: Concurso Morfolóxico de Cabalos e Eguas (machos e femias xuntos). Os premios son 150 € para o primeiro, 110 € para o segundo e 90 € para o terceiro.
12:00 horas: Concurso Morfolóxico de Eguas Pura Raza Árabe P.R.Á. Sección éguas maiores de 3 anos.
12:30 horas: Concurso Morfolóxico de Cabalos Pura Raza Árabe P.R.Á. Sección cabalos maiores de 3 anos.
Os premios nestas dúas categorías son 170 € para o primeiro, 120 € para o segundo e 110 € para o terceiro.
A Feira Cabalar inclúe ás 13:00 horas un Gran espectáculo de doma no que se poderá gozar cos exercicios de doma de alta escola, doma á vaquera, redeas longas, fantasías ecuestres, doma en liberdade, coreografías e danza con cabalos de pura raza Española, Lusitanos, Shetland e Pura Raza Galega. Esta actividade conta coa colaboración especial da Asociación Pura Raza Cabalo Galego.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)