Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today7 marzo, 2024
Padrón. 7-3-2024.- O Convento do Carme acolle os vindeiros días 23 e 24 de marzo a octava edición da Exposición da camelia e do bonsái. A expofeira organizada polo Concello de Padrón, na que participan numerosos expositores procedentes de todo o país, conta cunha ampla programación de actividades divulgativas. A entrada é libre e gratuíta.
As persoas interesadas en participar poderán inscribirse ata o vindeiro luns 18 de marzo a través do teléfono 686 445 520.
A exposición abre o sábado 23 a partir das 9.30 horas, momento no que os expositores comezarán a colocar as flores de cara ao acto de inauguración que está fixado para as 13.00 horas.
O primeiro dos talleres de formación terá ao bonsái como protagonista. Juan Liñares, especialista en diferentes técnicas e coidados, será o encargado de impartir este obradoiro entre as 10.00 e as 13.30 horas e as 16.00 e as 20.00 horas.
No programa da xornada destaca tamén ás 16.30 horas a demostración de ‘Home Jungle Plants. Xardíns eternos e kokedamas’ onde se poderá gozar destes terrarios únicos con plantas naturais elaboradas de maneira artesanal.
O mesmo sábado haberá máis talleres sobre cactus e crasas impartidos nesta quenda por Edmundo Novoa.
O momento máis esperado da xornada será a partir das 19.00 horas coa entrega de premios aos mellores expositores nas seis categorías: Terras de Iria, Camelia do Sar, Camelia reticulata, Camelia xapónica, Camelia híbrida e a outras especies de camelia.
Xa o domingo, o horario de apertura da exposición será as 10.00 horas, e unha hora máis tarde comezará o curso de elaboración de conservas artesanais impartido por Carme Freire.
A partir das 12.30 horas organizarase unha visita guiada, dirixida e comentada por José Freire, organizador da exposición, durante a cal explicará as diferentes variedades e o cultivo das camelias e dos bonsáis que forman parte da mostra.
O taller de poda e de froiteiras da man do profesor Afonso Touceda, profesional do cultivo, está fixado para as 16.00 horas.
A feira baixará o pano ás 19.00 horas.
Exposicións permanentes
A VIII Exposición da camelia e do bonsái contará tamén con dúas exposicións permanentes que poderán ser visitadas polas persoas que se acheguen ata o Convento do Carme os días 23 e 24 de marzo.
Unha delas inclúe diferentes esculturas da man do artista Camilo Seira, mentres que a segunda trátase dunha exposición de pintura a cargo do alumnado de Ategal Padrón.
Escrito por Líder Redacción
bonsai camelia comarca exposicion padron radio lider santiago
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)