Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today29 enero, 2025
O alcalde, Anxo Arca, recibiu a escritora e perruqueira padronesa e animouna a continuar publicando
“É un orgullo para min poder ver a miña obra na biblioteca do meu pobo”, asegura a autora
Publicada por Avant Editorial, a obra aborda a historia de amor dunha viúva e dun famoso artista musical
Padrón. 29-1-2025.- O alcalde Anxo Arca agradeceulle á escritora e perruqueira padronesa Miryam Vidal que lle regalase tres exemplares do seu primeiro libro á biblioteca municipal para compartir a súa obra con toda a veciñanza. Romeo y yo trata sobre a historia de amor entre unha escritora viúva e un famoso artista musical e sobre os desafíos que deben afrontar para manter a súa relación.
“Como padronesa, é un orgullo para min poder ver a miña obra na biblioteca do meu pobo”, asegurou a escritora durante a conversa que mantivo na alcaldía con Anxo Arca. Faladora, con sentido do humor e de carácter inquedo, Miryam Vidal escribiu Romeo y yo nun momento delicado da súa vida. “Estábame divorciando e escribir serviume como terapia para soportar o proceso no que me atopaba nese momento”.
Aínda que en principio non tiña pensado dar a coñecer nada do escrito, a autora explica que a alentou a propia editorial e “decidinme a publicar a obra por satisfacción persoal de ver o meu relato convertido nun libro”.
Anxo Arca animouna a seguir escribindo e compartir o seu traballo coa veciñanza. A escritora e propietaria da perruquería Fetén non descarta publicar unha segunda parte desta historia. Vidal defínese como unha persoa inqueda. “Sempre estou facendo cousas, cando non estou traballando ou escribindo dedícome a ler, camiñar, compartir tempo cos meus ou escoitar música”.
Miryam Vidal presentou o seu primeiro libro o pasado 11 de xaneiro no auditorio municipal de Padrón, acompañada polos xornalistas Miguel Piñeiro e María Xosé Rodríguez. Ao acto asistiron máis dun cento de persoas, moitas das cales levaron un exemplar asinado.
Ademais da historia de amor e dos retos que deben afrontar Soledad Torres e William Vega, Miryam Vidal aborda en Romeo y yo outros temas, como as drogas, o lado malo da fama e o choque de culturas e estilos de vida dos dous protagonistas.
Segunda de tres irmáns e nada en 1985, Miryam Vidal comezou xa no instituto a escribir relatos curtos. “Aquí, en Padrón, nacín, crieime, traballo e resido, ao tempo que lle transmito aos meus fillos o meu amor por este pobo”, asegura.
A escritora agradécelle ao equipo de goberno padronés “o seu apoio ao meu proxecto”, e aínda que non sabe onde «chegará esta aventura” que acaba de comezar, Miryam Vidal asegura que sempre levará “o nome de Padrón alá onde vaia”.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)