AD

Comarca

Padrón contará por primeira vez cunha pista de xeo este Nadal

today12 noviembre, 2025

Fondo
share close
AD
  • O sábado 29 de novembro comezan as festas co acendido das luces e animación nas rúas
  • Ofrécense propostas culturais, deportivas e de lecer pensadas para o público de todas as idades
  • O Concello de Padrón busca un Nadal participativo que impulse a cultura e dinamice a vida social do municipio

Padrón. 11-11-2025.- O Concello de Padrón prepara un Nadal 2025 con máis propostas que nunca. Coa implicación das concellerías de Cultura, a de Turismo e Festexos e a de Deportes, o obxectivo é ofrecer unha programación variada e participativa, con música, teatro, deporte e animación nas rúas. A gran novidade será a instalación dunha pista de xeo xunto ao pavillón do Souto, aberta do 5 de decembro ao 11 de xaneiro, que se converterá no principal punto de encontro das festas, segundo indicaron o alcalde, Anxo Arca, e a concelleira de Festexos, Chus Campos, durante a presentación da programación.

As actividades comezarán o sábado 29 de novembro co acendido das luces de Nadal, ás 18.00 horas, acompañado dun pasarrúas das bonecas Lareta-Magic Brothers e da charanga Mekánica Rolling Band. A xornada pecharase co concerto da Orquestra e Coro da Universidade de Santiago de Compostela no Auditorio Municipal ás 20.30 horas.

Durante o mes de decembro, o Concello ofrecerá múltiples propostas pensadas para público infantil, xuvenil e adulto. Os días 16 e 17 de decembro, Papá Noel visitará os centros educativos na actividade Papá Noel vai ó cole, levando ilusión aos máis pequenos e fomentando a participación activa dos escolares nas festas. O venres 19 de decembro, de 17.00 a 21.00 horas, terá lugar Papá Noel é rapeiro, un evento que combina batallas de rap benéficas e concertos, pensado para a mocidade e para todos aqueles que queiran gozar dunha tarde diferente e solidaria.

O sábado 20 de decembro, ás 19.00 horas, celebrarase no Auditorio Municipal o XXXVI Festival de Panxoliñas, organizado pola Coral Polifónica Padronesa, coa participación da Coral Polifónica Moañesa e da Coral Polifónica de Pontecesures, unha cita musical que permitirá gozar do mellor da tradición coral galega.

O martes 23 de decembro, de 17.00 a 19.30 horas, terá lugar a recepción de Papá Noel no poboado navideño da rúa Real, acompañada dun animado pasarrúas do grupo de animación Turdión, que percorrerá as rúas do centro facendo gozar tanto aos nenos como aos maiores.

O venres 26 de decembro, ás 18.00 horas, será a quenda da obra Berenguela na Gaiola, das compañías Galeatro e Xarope Tulú, dirixida por Paula Carballeira e gañadora do certame Manuel María de proxectos teatrais 2024. Esta actividade está destinada ao público familiar e ofrece unha oportunidade para desfrutar do teatro galego contemporáneo en familia.

Tradición, festa e deporte antes de que acabe o ano

O sábado 27 de decembro incluirá dúas propostas destacadas. Pola mañá celebrarase a Papanoleada Ciclista, unha concentración lúdica aberta a persoas de todas as idades que combina deporte e diversión, animando a toda a veciñanza a participar activamente. Contará cunha xinkana para a cativada e unha pequena ruta en bicicleta para o resto de participantes, coa entrega de gorros de Papá Noel e unha chocolatada e biscoitos ao remate, ademais de sorteo de produtos locais. Ás 19.00 horas, o Auditorio Municipal acollerá o concerto do Quinteto de Vento-Metal, unha cita musical para todos os públicos.

O luns 29 de decembro, ás 18.00 horas, os máis pequenos poderán gozar da Xira do Nadal dos Bolechas baixo o título Os bolechas e as lamberetadas de Nadal, e o martes 30, de 17.00 a 19.30 horas, haberá unha festa infantil no pavillón do Souto.

O mesmo martes 30 de decembro, ás 19.00 horas, celebrarase un dos actos máis emblemáticos do Nadal padronés, A Traslatio, que lembra o traslado dos restos do Apóstolo Santiago desde Jaffa ata Iria Flavia. Este acto combina historia e tradición e reforza o valor patrimonial e espiritual de Padrón como orixe do Camiño de Santiago.

Programación deportiva

A programación deportiva do mes de decembro incluirá o Torneo de Chave de Nadal, a III Gala de Patinaxe Espiral, o III Torneo de Xadrez Rosalía de Castro, que se celebrarán o sábado día 20. A nivel deportivo, o ano rematará coa Carreira San Silvestre, o 31 de decembro ás 17.00 horas dende o paseo do Espolón.

Máis actividade no mes de xaneiro

O mes de xaneiro comeza co esperado Concerto de Aninovo da Banda de Música Municipal que soará o día 3, ás 19.00 horas, no Auditorio, e o 5 de xaneiro, ás 17.00 horas, as rúas encheranse de ilusión coa tradicional Cabalgata de Reis 2026.

“O Concello de Padrón busca ofrecer unha proposta cultural e de lecer ampla e diversa, dirixida a veciñanza de todas as idades”, asegurou o alcalde, Anxo Arca, na presentación. Ademais, “o programa servirá para reforzar o atractivo de Padrón como destino de lecer durante o Nadal, apoiando ao comercio e á hostalería local e promovendo un maior fluxo de visitantes, que reforzamos coa campaña Bonos Padrón”, engadiu Chus Campos. A instalación da pista de xeo, que por primeira vez formará parte das actividades, converterase nun dos principais puntos de encontro e nun novo elemento dinamizador para a vila.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *