Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today11 junio, 2025
• As actividades, con prazas limitadas, permitirán revivir o traslado do Apóstolo, a historia de Iria Flavia e o legado de Rosalía de Castro
Padrón. 11-6-2025.- O Concello de Padrón presenta unha nova programación de visitas guiadas e teatralizadas para os meses de xullo, agosto e setembro, co obxectivo de poñer en valor o patrimonio histórico, artístico e literario da vila. A iniciativa está organizada en colaboración coa agrupación teatral Os Quinquilláns e co divulgador histórico Suso Martínez, e está dirixida tanto á veciñanza como ás persoas que visitan a localidade durante o verán.
A programación inclúe tres propostas diferentes que permiten coñecer episodios históricos e figuras senlleiras de Padrón, como o traslado dos restos do Apóstolo Santiago ou a vida de Rosalía de Castro, a través de percorridos comentados e representacións en vivo.
A primeira das actividades será a visita teatralizada Camiño branco de Rosalía, a cargo do grupo Os Quinquilláns. Trátase dun percorrido polas pegadas vitais e literarias da autora, con paradas en lugares emblemáticos da súa biografía. Desenvolverase os mércores 2, 8, 16, 23 e 30 de xullo, en galego, ás 20:00 horas, con saída desde Fondo de Vila.
A cargo de Suso Martínez, a segunda proposta leva por título Sedis Irienses e permitirá afondar na historia dunha das sedes episcopais máis antigas de Galicia. A visita comeza no adro da Igrexa de Santa María a Maior de Iria Flavia e inclúe unha parada no cemiterio de Adina. Terá lugar os venres 1, 8 e 22 de agosto, tamén ás 20:00 horas.
A terceira das actividades será a visita guiada titulada A Traslatio, que ofrece un percorrido guiado por Suso Martínez que segue o lendario roteiro do traslado dos restos do Apóstolo Santiago. As visitas realizaranse os venres 5, 12, 19 e 26 de setembro ás 20:00 horas, cun punto de encontro situado en Fondo de Vila.
As visitas son gratuítas, pero é necesario realizar a inscrición previa a través da páxina web de turismo do Concello (www.padronturismo.gal/inscricions)
Con esta iniciativa, o Concello de Padrón consolida a súa aposta pola cultura como motor de dinamización social e turística, ao tempo que contribúe á divulgación do seu valioso legado histórico e literario.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)