AD

Actualidad

Padrón en Fitur 2026: Capital galega do ciclismo e referente en turismo de calidade e sostible

today23 enero, 2026

Fondo
share close
AD

• O municipio presenta un calendario deportivo sen precedentes con catro citas de proxección nacional e internacional
• O alcalde, Anxo Arca, e a concelleira de Turismo, Chus Campos, encabezan a delegación padronesa en Madrid
• Os recoñecementos como ‘Pueblo Mágico de Galicia 2026’ e a renovación das certificacións Q e S sitúan Padrón entre os destinos galegos máis destacados en calidade e sustentabilidade turística
• O Santiaguiño do Monte foi designado como Lugar Mágico de España

Padrón. 23-1-2026.- O Concello de Padrón pechou a súa participación na edición 2026 da Feira Internacional de Turismo (Fitur) cunha proposta sólida e diferenciada, na que o Padrón deportivo cobrou un protagonismo especial, situando o municipio como a capital galega do ciclismo nun ano histórico marcado pola celebración de grandes eventos deportivos de proxección nacional e internacional.

A delegación municipal, encabezada polo alcalde, Anxo Arca, e pola concelleira de Turismo, Chus Campos, desenvolveu unha intensa axenda de promoción turística desde o stand de Galicia, onde Padrón conta cun espazo propio ao longo de toda a feira para dar a coñecer os seus principais atractivos.

A presenza en Fitur serve para poñer en valor un 2026 sen precedentes no ámbito deportivo, con ata catro grandes citas ciclistas que consolidan Padrón como epicentro do ciclismo galego: a Rutas Xacobeas; a Clásica de Pascua, que este ano se incorpora ao calendario internacional da UCI formando parte da Challenge Futura; a terceira etapa da proba O Gran Camiño; e unha etapa de La Vuelta Feminina.

“Padrón convértese este ano na capital galega do ciclismo”, afirmou o alcalde Anxo Arca, resaltando ademais que estas probas reforzan a imaxe do municipio como destino vinculado ao deporte, á vida activa e á promoción dun turismo sostible, de calidade e activo durante todo o ano.

Identidade, gastronomía e hospitalidade

O escaparate gastronómico tivo como protagonista a presentación das Xornadas da Lamprea (13, 14, 15, 20, 21 e 22 de marzo).

O acto, que contou co apoio do director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, serviu para enxalzar este produto como un dos piares fundamentais da identidade e a tradición culinaria de Padrón.

Tamén se deron a coñecer as Xornadas da Croqueta, unha iniciativa que celebra este ano a súa primeira edición, os días 6 e 7 de febreiro, coa participación de 16 establecementos hostaleiros, convertendo a vila no único concello de Galicia que impulsa este tipo de xornadas gastronómicas.

Recoñecementos e calidade turística

No apartado de distincións, Padrón recibiu o Premio Pueblo Mágico de Galicia 2026, tras ser o destino máis valorado polo público en votación popular. Así mesmo, este venres sumou un novo fito coa designación do Santiaguiño do Monte como Lugar Mágico de España, un título que reforza o valor simbólico e patrimonial deste enclave único.

Ademais, a Oficina de Turismo de Padrón renovou as certificacións Q de Calidade Turística e S de Sustentabilidade Turística, dous selos de máximo prestixio outorgados polo Instituto para la Calidad Turística Española y la Sostenibilidad (ICTES).
Anxo Arca, Chus Campos e o técnico de Turismo, Alberto Rey, recolleron as certificacións nun acto celebrado durante a Gala Noche Q 25, na Galería de Cristal do Palacio de Cibeles, presidida polo ministro de Industria e Turismo, Jordi Hereu, e polo presidente do ICTES, Miguel Mirones.

Este recoñecemento fai de Padrón o único concello da provincia da Coruña que conta con ambas certificacións na súa oficina de información turística. Ademais, o distintivo S de Sustentabilidade é especialmente exclusivo, xa que só o posúen tres oficinas en toda Galicia, situando Padrón como referente autonómico en turismo responsable.

Unha intensa axenda

A promoción completouse coa presenza destacada de Padrón no tótem de benvida a Fitur, cunha reportaxe especial na revista Turismo da Coruña, dedicada a Padrón Natural, dispoñible tamén no mostrador informativo municipal durante toda a feira.

Ademais, a delegación mantivo reunións con especialistas do sector e medios especializados, co obxectivo de explorar novas oportunidades e manterse actualizado sobre as tendencias do turismo. Entre estas diferentes citas destacou tamén o encontro co alcalde de Arjonilla, Luis Miguel Carmona, e co concelleiro Antonio Hernández. Este pobo de Xaén, co que Padrón formalizou o acto de irmandamento o pasado mes de xullo, foi recentemente incorporado á rede de Pueblos Mágicos de España, abrindo novas oportunidades para proxectos de cooperación cultural e turística entre ambos municipios.

Esta edición de FITUR chega marcada pola solidariedade. O alcalde, Anxo Arca, trasladou unha mensaxe de apoio e cariño ás vítimas dos accidentes ferroviarios recentemente acontecidos, expresando o acompañamento institucional e humano nestes momentos difíciles.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *