AD

Comarca

Padrón executa dous novos parques infantís en Estramundi e na rúa Vila de Rianxo

today4 noviembre, 2025

Fondo
share close
AD

• Con estas actuacións o Concello suma xa cinco espazos de xogo renovados durante o goberno de Anxo Arca
• As novas áreas levarán os nomes de dúas pioneiras galegas da ciencia, Inmaculada Paz-Andrade e Olimpia Valencia, en recoñecemento ao seu legado profesional e humano

Padrón. 4-11-2025.- O Concello de Padrón vén de iniciar as obras de construción de dous novos espazos de lecer infantil, un situado no campo da Devesa, en Estramundi, e outro na rúa Vila de Rianxo. Con estes proxectos, serán xa cinco as áreas de xogo renovadas durante o goberno de Anxo Arca. As actuacións supoñen un investimento total de 99.893 euros, financiado a través do Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación da Coruña.

O alcalde destaca o compromiso do executivo local coa mellora dos espazos públicos destinados á infancia e ás familias. “Trátase de dous parques que se atopaban nun estado de mantemento deficiente, logo de anos sen intervencións, e que precisaban dunha renovación integral”, sinala.

Estes novos espazos súmanse aos do paseo da Constitución, ao do colexio Flavia e ao situado ao carón do centro de saúde da vila. En pouco máis de dous anos, o Executivo de Anxo Arca renovou así cinco áreas infantís. “Esta inversión permite que Padrón conte con espazos de calidade para a infancia, o que reflicte o esforzo e interese do Concello pola veciñanza máis nova e polas súas familias”, engade o rexedor.

Visibilización das mulleres galegas na ciencia

Ademais da mellora das instalacións, o Concello continúa avanzando na visibilización das mulleres galegas na ciencia. Por iso, os novos parques levarán o nome de dúas figuras destacadas da investigación e da medicina galega.

No seu momento, o Concello xa nomeara o parque infantil situado ao carón do centro de saúde co nome de Antonia Ferrín, matemática e primeira astrónoma galega. Agora, o novo parque da rúa Vila de Rianxo levará o nome de Inmaculada Paz-Andrade, científica, física e investigadora de proxección internacional. Foi a primeira catedrática da Facultade de Física da Universidade de Santiago de Compostela e referente mundial en microcalorimetría, abrindo camiño para moitas outras profesionais.

No caso do parque infantil do campo da Devesa, en Estramundi, levará o nome de Olimpia Valencia, recoñecida como a primeira médica galega, especializada en xinecoloxía, e pioneira no exercicio libre da medicina nun tempo no que o acceso das mulleres á universidade era moi limitado.

Con esta iniciativa, o Concello de Padrón continúa combinando a creación de espazos públicos de calidade coa posta en valor das referentes femininas galegas, integrando educación, igualdade e memoria social na mellora dos equipamentos municipais.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *