Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
• O alcalde avanza que levará ao vindeiro Pleno a suba da taxa por ocupación de vía pública de 0,68 a 0,81 euros por metro e día
• O Concello destinará a financiar e mellorar o servizo de limpeza viaria os 60.000 euros que prevé recadar con esta medida
• O goberno local tamén quere establecer unha taxa por expedir a Pedronía
Padrón. 22-5-2025.- O alcalde de Padrón, Anxo Arca, anunciou este xoves a intención do goberno local de someter á consideración do Pleno a actualización da taxa por ocupación da vía pública. “Padrón non pode seguir tolerando o abandono de lixo na vía pública por parte de moitos vendedores do mercado dominical. Cada domingo, rematado o mercado, a imaxe do noso pobo é absolutamente lamentable, algo que non estamos dispostos a tolerar”.
Para avanzar na mellora da limpeza da vila o Goberno levará ao Pleno ordinario do vindeiro xoves o aumento da taxa por ocupación da vía pública que pagan os propietarios dos postos do mercado dominical para incrementala dos 0,68 euros metro cadrado día ata os 0,81 euros.
Segundo o alcalde, “o custe da limpeza derivada da falta de civismo de moitos feirantes non pode recaer nas padronesas e nos padroneses. Con esta medida serán os feirantes quen financien o incremento do custo que supón a recollida deste exceso de lixo”, asegura.
As medidas que prevé implementar o goberno padronés van máis alá da subida da taxa. “Tamén aumentaremos a vixilancia no mercado e traballamos no endurecemento das sancións por depositar lixo na vía pública. Todo o mundo debe mentalizarse de que Padrón debe quedar limpo”, aclara o alcalde.
Ademais, o goberno municipal levará ao Pleno deste mes o establecemento dunha nova taxa pola expedición da Pedronía, o documento que acredita ter visitado certos lugares e monumentos de Padrón, moi popular entre os peregrinos e peregrinas, así como polo tubo para gardala.
Anxo Arca avanza que se proporá ao Pleno cobrar 2 euros pola Pedronía e 3 euros polo tubo. Deste xeito “os visitantes e as visitantes comezarán a contribuír ao Concello, que destinará os recursos obtidos con esta taxa ao mantemento de infraestruturas públicas e ao financiamento das actividades de fomento do turismo”.
O alcalde destaca que estas taxas “non afectan ás padronesas e aos padroneses”, e “axudarán a que Padrón dispoña de máis recursos públicos para seguir avanzando”.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)