Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today31 marzo, 2026
Padrón (A Coruña), 31 de marzo de 2026.- O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e o alcalde de Padrón, Anxo Rei, avanzaron hoxe o proxecto que impulsa o Goberno para humanizar a Nacional 550 ao paso por esta localidade, e que, segundo indicou Pedro Blanco, “materializa o traballo conxunto que levamos desenvolvendo ambas administracións nos últimos meses”.
O delegado desprazouse esta mañá ata o Concello de Padrón onde analizou co alcalde o impacto desta mellora da mobilidade urbana na que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible investirá 3 millóns de euros, cumprindo “unha demanda do Goberno Local e da propia veciñanza”.
Pedro Blanco subliñou que esta actuación creará un espazo seguro e accesible, con espazo para os peóns, carril bici, zonas verdes e mobiliario urbano, que se estenderá ao longo de case un quilómetro entre o centro urbano e o límite coa provincia de Pontevedra: “un proxecto en liña con outros que estamos a desenvolver noutras localidades de Galicia e que mellorará indubidabelmente e a seguridade viaria dos veciños e veciñas desta localidade e das persoas que, cada vez máis, se desprazan en medios alternativos como a bicicleta”.
Nunha reunión celebrada na Casa do Concello, Pedro Blanco e Anxo Rei puideron ver os avances neste proxecto, que se atopa actualmente en redacción, para poder comezar o antes posible a tramitación administrativa.
Medio millón de euros para mellorar a N550 en Padrón
Neste encontro, o delegado confirmou ao alcalde que o Ministerio de Transportes desenvolverá nas vindeiras semanas os traballos de asfaltado da estrada nacional 550 ao paso por Padrón. Unha actuación que forma parte do Plan Extraordinario de Mellora de Estradas en Galicia que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Urbana está a executar para reparar os danos provocados polos temporais nas estradas da competencia do Estado en Galicia. Pedro Blanco sinalou que “en próximas datas veremos a maquinaria reparando o firme da nacional ao paso por este Concello”.
En paralelo, a Demarcación de Estradas executará outras melloras na estrada dentro do contrato ordinario de reparación de estradas. Entre ambos contratos de reparación, o delegado sinalou que o Goberno investirá en Padrón medio millón de euros.
Outros investimentos
Na reunión celebrada hoxe, o delegado e o alcalde repasaron outros investimentos que o Goberno executa ou financia nesta localidade, como a mellora da iluminación viaria en parroquias como Carcacía, a nova estación de tratamento de auga potable, e o cumprimento dos compromisos adquiridos polo Ministerio de Cultura coa Fundación Rosalía.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)