Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today18 febrero, 2026
• O Concello organiza o día 23 unha xornada institucional que inclúe a lectura de poemas por parte do alumnado dos institutos locais e a tradicional alborada
• A hostalaría padronesa volve ser protagonista coas iniciativas ‘Caldo de Gloria’ e ‘Café con Verso’, implicando a preto dunha vintena de establecementos
Padrón. 18-2-2026.- O Concello de Padrón desenvolverá o vindeiro 23 de febreiro unha programación especial con motivo do Día de Rosalía, unha cita sinalada no calendario cultural galego que converterá a vila nun espazo de encontro arredor da poesía, a música e a tradición gastronómica.
A xornada en Padrón comezará ás 10.00 horas cunha saída desde a rúa do Sol ata a estatua de Rosalía no Espolón. O acto incluirá unha alborada cos Carapaus e a lectura de poemas por parte do alumnado dos IES Camilo José Cela e Macías o Namorado, promovendo a participación activa da mocidade nesta conmemoración.
Ás 14.00 horas, un total de 18 establecementos hostaleiros da vila ofrecerán a tradicional degustación do Caldo de Gloria, consolidada xa como unha das iniciativas máis representativas desta celebración.
De maneira complementaria, Padrón Turismo impulsa a actividade Café con Verso, na que 16 establecementos repartirán entre a súa clientela tarxetas con versos de Rosalía, contribuíndo á difusión da súa obra a través dun formato próximo e accesible.
Ademais, o Concello de Padrón estará representado nos actos institucionais que se celebrarán en Santiago de Compostela e na propia Casa de Rosalía.
En Santiago, ás 11.00 horas terá lugar un acto público con alborada e ofrenda na Praza de Vigo, seguido ás 12.00 horas do acto institucional no Panteón de Galegos Ilustres (San Domingos de Bonaval), con lectura de poemas e actuación musical, así como posterior degustación do Caldo de Gloria.
Xa pola tarde, na Casa de Rosalía en Padrón, celebrarase ás 19.00 horas unha degustación do Caldo de Gloria con Iago Pazos (Abastos 2.0) e bolos do pote elaborados por mulleres de Mazaricos, rematando a xornada cun concerto de Uxía e Javier Ruibal no auditorio ás 20.00 horas.
O 23 de febreiro, Padrón volverá situarse como epicentro da homenaxe á súa escritora máis ilustre, combinando participación cidadá, actividade cultural e colaboración do tecido local.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)