Listeners:
Top listeners:
 play_arrow
		play_arrow
		Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Padrón. 31-10-2025.- O Concello de Padrón dá un paso máis na mellora do servizo de recollida e tratamento de residuos coa posta en marcha de novas actuacións financiadas mediante unha subvención destinada a fomentar a recollida separada de biorresiduos, aceites de cociña usados e téxtiles.
A axuda de 114.048 euros, concedida en réxime de concorrencia non competitiva por anticipado de gasto para o ano 2025 (código de procedemento MT975T), está cofinanciada polo Fondo Europeo relativo ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
Ao abeiro desta subvención, o Concello levou a cabo dúas actuacións principais. A primeira foi a adquisición dun camión eléctrico para a recollida de biorresiduos, cun investimento total de 118.580 euros, adquirido mediante procedemento aberto simplificado. O proxecto contou cunha achega de 108.000 euros de fondos europeos xestionados pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, asumindo o Concello o importe do IVE (10.580 euros), non subvencionable. Ana Castro, concelleira de Medio Ambiente, estivo presente na recepción oficial do novo camión que xa presta servizo no Concello de Padrón.
A segunda actuación consistiu nunha campaña de sensibilización cidadá sobre a xestión de residuos, cun investimento total de 8.131,20 euros (IVE incluído), dos cales o Concello achegou 2.083,20 euros, correspondentes á parte do IVE non subvencionable.
Implicación da cidadanía
A campaña de sensibilización cidadá, xa en marcha, ten como obxectivo que a veciñanza colabore na separación adecuada dos residuos e contribúa ao funcionamento do futuro modelo de servizo en Padrón. O Concello fomenta a implicación da cidadanía para optimizar a eficiencia da recollida e asegurar que se cumpran os requisitos da normativa europea.
A nova lexislación obriga a que sexan as persoas usuarias as que paguen o custe da recollida de lixo e penaliza o custe do lixo que se leva mesturado a SOGAMA. Por iso, é importante que os padroneses e as padronesas saiban que na actualidade o Concello está a cubrir con fondos propios un déficit anual de arredor de 360.000 euros entre os ingresos procedentes dos recibos e o custe real da recollida e o tratamento do lixo. Esta diferenza limita a dispoñibilidade orzamentaria para outras actuacións municipais.
O Concello entende que a actual conxuntura económica é complexa para as familias e o pequeno comercio e, por ese motivo, mantén este esforzo económico co obxectivo de non incrementar a carga fiscal da veciñanza. Non obstante, esta situación non pode sosterse de forma indefinida, polo que resulta imprescindible avanzar cara ao cumprimento da normativa e definir un novo modelo de xestión do servizo.
Marxe de mellora
Segundo os datos dispoñibles, Padrón xera cada ano máis de 3.500 toneladas de residuos, das cales só o 20% se separa correctamente, o que evidencia unha ampla marxe de mellora. Canto maior sexa a separación en orixe, menor será o custe do tratamento, xa que verter lixo mesturado supón o dobre de custe que depositalo de forma selectiva.
A campaña de sensibilización complétase coa distribución de material informativo entre a cidadanía, como o tríptico Taxa do lixo, no que se recollen as claves da nova normativa e as vantaxes de mellorar a separación dos residuos para reducir custes e contribuír a un Padrón máis sostible.
O Concello de Padrón continúa así a avanzar na modernización da xestión municipal dos residuos, combinando inversións en medios técnicos e accións de concienciación social co obxectivo de mellorar o servizo, reducir custes e cumprir cos compromisos ambientais marcados pola Unión Europea.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)