AD

Actualidad

Padrón intensifica estes días en Fitur o seu labor de promoción turística

today24 enero, 2024

Background
share close
AD

 

 

 

A Oficina de Turismo de Padrón atendeu 37.300 persoas ao longo do ano pasado

Padrón. 24-1-204.- Máis de 37.000 persoas visitaron a Oficina de Turismo de Padrón durante o  pasado 2023, unha cifra que refrenda a recuperación postpandemia e evidencia tamén o tirón que o Camiño de Santiago e o fenómeno xacobeo teñen para os visitantes, pois foron peregrinos os que formularon a maior parte das consultas (18.740) e, a maiores, rexistrouse un récord na expedición de certificados da Pedronía, cun total de 20.315. Tamén se entregaron outros 238 diplomas vencellados á Traslatio e á Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla.

Ademais dos peregrinos, entre as 37.307 persoas que acudiron o ano pasado á Oficina de Turismo tiveron unha presenza destacada os grupos organizados (8.131), os turistas autónomos (7.124) e as persoas que chegaron a Padrón atraídas pola feira dominical (2.101). Practicamente a metade da xente que se achegou a Padrón quedou polo menos unha noite na localidade e, por detrás do Camiño de Santiago, destacaron entre as motivacións principais dos visitantes o Padrón histórico (12.282 persoas) e o Padrón literario (8.112).

Cabe subliñar así mesmo o éxito das visitas guiadas, que comprenderon tamén catro visitas teatralizadas que tiveron como protagonistas a Macías o Namorado, Rosalía de Castro, o bispo de Iria Flavia Sisnando e a Traslatio. Participaron nelas 1.767 persoas.

Mención á parte merece a Pedronía, a credencial que Padrón expide dende o ano 2010 a aqueles peregrinos que se achegan ata a localidade na que desembarcou o corpo do Apóstolo procedente de Palestina. O pasado 2023 marcou un récord con 20.315 credenciais repartidas pola Oficina de Turismo e o albergue municipal, que superaron en máis de catro mil ás expedidas ao longo do 2022 (cando foron 16.060).

En relación coa Pedronía e as visitas históricas, outro dato a ter moi en conta é o número de persoas que pasaron pola igrexa de Santiago na que se conserva o pedrón ou ara romana que se identifica como o punto no que amarrou a barca do Apóstolo e que foron máis de 72.500.

Logo de estar en novembro en Fairway, feira do Camiño de Santiago, Padrón continúa estes días o seu labor de promoción en Fitur, a Feira Internacional de Turismo de Madrid. Faino cun posto de información propio dentro do pavillón de Galicia e tamén coa participación en encontros con touroperadores. O obxectivo é dar a coñecer os numerosos atractivos cos que conta Padrón para distintos perfís de visitantes e que, baixo o lema Padrón. Camiño e destino, resalta o papel de Padrón como berce xacobeo e os seus recursos históricos, literarios, culturais e gastronómicos.

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%