AD

Comarca

Padrón irmándase coa cidade xaponesa de Shingu, enclave de referencia na ruta Kumano Kodo

today12 noviembre, 2024

Fondo
share close
AD

 

  • O acto celebrarase este mércores na casa consistorial padronesa ás 11.15 horas
  • Unha delegación nipona, encabezada polo alcalde de Shingu, coñecerá os principais puntos de interese da capital do Sar
  • O itinerario xaponés de peregrinación e o Camiño de Santiago son as dúas únicas rutas declaradas Patrimonio de Humanidade

Padrón. 12-11-2024.- O Concello de Padrón asinará mañá, mércores 13 de novembro, un acordo de colaboración co municipio de Shingu, localizado na prefactura xaponesa de Wakayama.

Asistirán á sinatura, que terá lugar na casa consistorial padronesa, as corporacións de Padrón e Shingu, encabezadas polos seus alcaldes, e outras autoridades niponas. A delegación xaponesa visitará de seguido diversos puntos de interese da capital do Sar.

O acto de irmandamento entre Padrón e Shingu responde a vencellos e obxectivos comúns. Ámbolos pobos están unidos polo feito de atesourar séculos de historia e cultura, pola relevancia dun río no seu emprazamento e, sobre todo, por ser enclaves de referencia en dous dos principais camiños de peregrinación mundial e os únicos recoñecidos como Patrimonio da Humanidade: o Camiño de Santiago e a ruta Kumano Kodo, unha rede de itinerarios que conecta os tres grandes santuarios coñecidos como Kumano Sanzan.

A unión escenificarase mañá no Concello de Padrón, onde o alcalde, Anxo Arca, recibirá unha delegación xaponesa composta por membros do departamento de planificación da prefectura de Wakayama, da Universidade de Toquio e do municipio de Shingu. Esta delegación estará encabezada polo rexedor de Shingu, Michitoshi Taoka, que asinará xunto a Anxo Arca o documento de colaboración entre os dous municipios. O acto está programado para as 11.15 horas no salón de plenos.

A continuación, a delegación xaponesa está convidada a coñecer os principais puntos de interese de Padrón. Ao longo do día visitará a igrexa parroquial de Santiago, onde se atopa o pedrón ao que, segundo a tradición, foi amarrada a barca do Apóstolo; a fonte do Carmo; o Santiaguiño do Monte; a Fundación Camilo José Cela; a Fundación Rosalía de Castro e a desembocadura do Ulla.

O irmandamento de Padrón con Shingu coincide coa celebración dos vinte anos da declaración da Ruta Kumano Kodo (e en concreto dos Sitios sagrados e rutas de peregrinación dos montes Kii), como Patrimonio de Humanidade pola Unesco. Na desembocadura do río Kumano-gawa, a cidade pode presumir dun treito fluvial de peregrinación e acolle o santuario de Hayatama Taisha, un dos tres grandes santuarios da ruta Kumano Kodo. Tamén é moi célebre o santuario de Kamikura-jinja, levantado no alto dun cantil.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%