Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
• Melloráronse as condicións da instalación cun novo chan, iluminación LED, o illamento da cuberta e bombas de calor
• A veciñanza poderá gozar dun espazo máis eficiente e sostible
• A actuación responde á aposta do goberno municipal pola modernización das infraestruturas municipais para reverter o seu estado de deterioro
Padrón. 11-3-2025.- O Concello de Padrón vén de completar unha serie de melloras no Pavillón do Souto para garantir unhas instalacións deportivas modernas, eficientes e adaptadas ás necesidades da veciñanza. Esta actuación responde á aposta do goberno municipal por modernizar e mellorar a calidade das infraestruturas municipais, que se atopaban nun evidente estado de deterioro por unha falta de mantemento continuado.
A intervención realizouse en dous grandes bloques. Por unha parte, acometeuse a mellora da pista deportiva, cun investimento total de 60.500 euros, dos que 50.000 euros foron financiados a través da subvención DE401C da Xunta de Galicia, destinada aos concello galegos para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal e para a adquisición de material deportivo inventariable.
Por outra banda, realizáronse diversas melloras destinadas á eficiencia enerxética do pavillón, co obxectivo de reducir o consumo e mellorar as condicións de confort. Entre as actuacións desenvolvidas, destaca o cambio da iluminación convencional por tecnoloxía LED, a substitución da antiga caldeira de gasoil por bombas de calor e o illamento da cuberta, permitindo así a práctica do deporte nun entorno máis cálido e eficiente. Estas melloras contaron cun investimento de 78.650 euros, dos cales 60.000 euros foron subvencionados a través do programa PR486B da Xunta de Galicia, dirixido a concellos de menos de 15.000 habitantes dentro do Fondo de Cooperación Local.
O concelleiro de Deportes, Luis Mariño, manifestou a súa satisfacción polo resultado destas actuacións e destacou que estas melloras eran imprescindibles dada a antigüidade do pavillón e o seu estado de deterioro. «Falamos dunha infraestrutura deportiva clave no noso municipio, con alta afluencia de usuarios e usuarias, polo que era prioritario intervir para garantir a súa funcionalidade e seguridade”, subliña. “O compromiso do Concello é seguir traballando na modernización das infraestruturas deportivas, adaptándonos ás novas esixencias de sustentabilidade e eficiencia enerxética, sempre dentro das posibilidades de financiamento dispoñibles», engadiu o concelleiro.
Con estas actuacións, dende o Concello de Padrón dáse un paso máis na aposta por infraestruturas deportivas máis sostibles e eficientes, garantindo espazos axeitados para a práctica deportiva e fomentando un uso responsable dos recursos enerxéticos.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)