AD

Comarca

Padrón organiza a “Caravana da Irmandade” a Arjonilla para celebrar o seu irmandamento

today20 agosto, 2025

Fondo
share close
AD

 

  • A veciñanza padronesa poderá viaxar de xeito individual ao municipio xinenense os días 26 e 27 de setembro
  • A programación, incluída a comida de fraternidade, está coordinada polos concellos
  • O prazo de inscrición está aberto ata o 8 de setembro na Oficina de Turismo de Padrón
  • Unha representación da corporación municipal, encabezada polo alcalde Anxo Arca, tamén participará na viaxe
  • O obxectivo é fortalecer os seus lazos de amizade e cooperación cultural arredor da figura de Macías o Namorado

Padrón. 20-8-2025.- O Concello de Padrón organiza os días 26 e 27 de setembro a Caravana da Irmandade a Arjonilla, unha viaxe coa que se quere celebrar e consolidar o irmandamento asinado entre ambos municipios o pasado 4 de xullo arredor da figura literaria de Macías o Namorado, trobador medieval nacido en Padrón e falecido en Arjonilla.

A iniciativa supón unha viaxe individual da veciñanza padronesa cara ao municipio xienense, símbolo de unión e amizade entre pobos. Cada persoa parte libremente para rematar co programa común de actividades que teceron os seus concellos. A Oficina de Turismo de Padrón prestará asesoramento a todos os padroneses e padronesas que desexen tomar parte nesta experiencia cultural única.

Unha representación da corporación municipal, encabezada polo alcalde Anxo Arca, tamén formará parte da comitiva padronesa nesta viaxe, reforzando así o vínculo institucional entre ambos concellos.

Programa de actividades

O venres 26 de setembro está previsto o acto oficial de irmandamento en Arjonilla, seguido dunha visita ao Palacio Marqués de la Mercé e dunha comida institucional. Pola tarde, as persoas participantes coñecerán a Almazara García Morón, onde se realizará unha cata de aceite, e disporán de tempo libre para gozar do Mercado medieval de Arjonilla.

O sábado 27 de setembro o programa inclúe unha visita guiada polo patrimonio histórico-cultural de Arjonilla, así como un obradoiro artesanal de cerámica no taller de Manuel Bejarano Zafra. A xornada rematará de novo no Mercado Medieval, que ambientará as rúas da vila.

Prazo e inscricións

O prazo de inscrición remata o luns 8 de setembro. As persoas interesadas deben dirixirse á Oficina de Turismo de Padrón (Avda. Compostela s/n, 15900 Padrón), chamar ao teléfono 646 593 319 ou enviar un correo a: turismo@padron.gal.

Un proxecto de irmandade cultural

O irmandamento entre Padrón e Arjonilla foi rubricado o pasado mes de xullo polos alcaldes Anxo Arca e Luis Miguel Carmona como un acto de compromiso cultural e de posta en valor dun legado histórico e literario compartido.

Durante aquel acto, celebrado en Padrón, ambos rexedores destacaron que a figura de Macías o Namorado actúa como “ponte entre os dous pobos” e que esta unión servirá para “seguir cultivando a amizade sincera, a cultura e o respecto mutuo”.

Con esta Caravana da Irmandade, o Concello de Padrón busca implicar á súa veciñanza neste proxecto común, reforzando a cooperación cultural e social entre as dúas vilas.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *