Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today3 septiembre, 2025
Padrón.3-9-2025.- O Concello de Padrón deu a coñecer os gañadores da primeira edición da quedada fotográfica organizada en colaboración coa comunidade de creadores FotoWalk Galicia, celebrada o pasado 14 de xuño e na que participaron arredor de sesenta persoas.
Nesta ocasión, o certame propuxo catro bloques temáticos ligados á oferta turística local: Padrón Xacobeo, Padrón Literario, Padrón Gastronómico e Padrón Natural. Entre as imaxes recibidas, o persoal municipal e a organización de FotoWalk Galicia escolleron unha gañadora en cada modalidade.
Na categoría de Padrón Xacobeo resultou premiada Beatriz Maroño Álvarez, de Ferrol, mentres que o galardón de Padrón Literario recaeu en José Luis Domínguez Corral, de Cambre. Pola súa banda, Ana Vázquez, da Coruña, foi a gañadora na modalidade de Padrón Gastronómico, e Alain Miñones Mallo obtivo o premio en Padrón Natural.
Os galardóns inclúen un lote de libros de Camilo José Cela, doados pola Fundación do escritor en Iria Flavia; un bono para dúas persoas para gozar dunha ruta en paddel surf, cortesía da empresa Paddel Surf Ilinx Sup; e dous lotes de produtos gastronómicos locais.
Desde o Concello de Padrón destacan a boa acollida desta primeira quedada, que combinou faladoiros fotográficos e visitas guiadas polos principais recursos turísticos da vila. A concellaría de Turismo xa avanza a súa intención de darlle continuidade a esta colaboración con FotoWalk Galicia e confía en manter o interese e a elevada participación rexistrada nesta edición inaugural.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)