Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today13 abril, 2026
• A vila seguiu ateigada de xente e do mellor ambiente festivo durante o sábado e o domingo de Pascuilla
• A orquestra canaria Nueva Línea encheu o venres paseo do Espolón, e os grupos folclóricos locais e o Festival de Bandas ateigaron na fin de semana a praza de Macías
• O deporte tamén foi protagonista coa celebración dunha edición moi especial da Clásica de Pascua, que gañou Mats Wencel
• O alcalde, Anxo Arca, celebra que a Pascua 2026 “confirma que Padrón é quen de organizar eventos de gran nivel á altura das cidades, e entre todos fixemos posible unhas festas históricas”
Padrón.13-4-2026.- O Concello de Padrón baixou o pano das Festas de Pascua 2026 este domingo de Pascuilla cun balance moi positivo tras unha fin de semana de masiva afluencia, na liña das xornadas precedentes, nas que a vila estivo ateigada de xente. A combinación dunha ambiciosa e completa programación e do bo tempo que acompañou permitiu acadar este ano cifras récord de asistencia, consolidando esta celebración como unha das citas festivas máis destacadas de Galicia.
O alcalde, Anxo Arca, destacou que esta exitosa edición “confirma que Padrón é quen de organizar eventos de gran nivel á altura das cidades, cun programa pensado para todos os públicos e cunha resposta cidadá excepcional”. “Foron unhas festas seguras, participativas e cun impacto moi positivo para a economía local”, engadiu o rexedor, que agradece o traballo de todos os servizos municipais, das asociacións e da veciñanza, “porque entre todos fixemos posible unhas festas históricas”. O alcalde adianta a vontade do goberno local de seguir traballando e ter en conta aqueles aspectos que poidan contribuír a mellorar as Festas de Pascua en vindeiras edicións.
Un dos grandes atractivos desta edición foi a actuación da orquestra canaria Nueva Línea, que encheu o paseo do Espolón na noite do venres, un éxito que se sumou ao vivido a fin de semana de Pascua cos concertos de 9Louro e a Panorama. Pola súa banda, os tradicionais fogos artificiais de Pascua volveron congregar o sábado a numeroso público, converténdose nun dos momentos máis agardados das festas.
O ambiente festivo mantívose durante toda a fin de semana coa presenza dos Xigantes e Cabezudos, que volveron animar as rúas e fixeron gozar a veciñanza e visitantes, e co protagonismo dos grupos folclóricos locais, que ofreceron actuacións moi aplaudidas nunha praza de Macías ateigada de público.
As agrupacións Rosalía de Castro, San Pedro de Carcacía e Arreixeira aproveitaron a Pascuilla para presentar as súas novas incorporacións nos grupos de baile e música, pequenas e pequenos que garanten o relevo xeracional da nosa tradición. Pola súa banda, O Pedrón rendeu unha emotiva homenaxe a Manuel Miramontes, Bartolo, o finado histórico profesor do grupo.
O domingo celebrouse a 49 xuntanza da Irmandade dos Fillos e Amigos de Padrón, presidida polo alcalde. Neste acto entregáronse as insignias de ouro a Belén Xestal Ares, Sara Catrain González, Martina López Gestal, Enrique Basadre Rivas e Carlos Bandín Buján. Así mesmo, a empresa Ana Muñiz, fundadora de Confecciones Ana Muñiz SL, e a Coral Polifónica Val do Sar recibiron as placas de honra.
A música tivo tamén un papel destacado co Festival de Bandas, no que a Banda Municipal de Padrón exerceu de anfitrioa xunto coa Banda Artística de Merza e a de Castrelo-Cambados. As tres formacións ofreceron un espectáculo de gran nivel que reuniu nunha abarrotada praza de Macías a maior afluencia de público da última década.
Edición histórica da Clásica de Pascua
O deporte foi outro dos grandes protagonistas da fin de semana de despedida das festas, coa celebración dunha edición histórica da Clásica de Pascua, que este ano deu o salto ao calendario internacional da UCI e se integrou como segunda cita da Challenge Futura. O triunfo foi para o corredor do Kern Pharma Mats Wenzel, tras un apertado esprint fronte a Javier Cubillas (Movistar), sendo terceiro Jesús Herrada (Burgos). O corredor do Club Ciclista Padronés Cortizo Maksym Bilyi asinou unha destacada cuarta posición.
A proba destacou tanto polo seu alto nivel competitivo como polo extraordinario ambiente vivido nas instalacións do Campus Tecnolóxico Cortizo, convertidas unha vez máis no epicentro dunha gran festa do ciclismo.
O alcalde de Padrón participou na saída oficial e na entrega de premios xunto a membros da corporación municipal, e destacou o papel da proba: “A Clásica de Pascua é un orgullo para Padron, o Club Ciclista Padronés é un orgullo para Padrón, e esta é unha cita que se consolida agora aínda máis con este novo impulso grazas á Federación”, destacou Anxo Arca. O rexedor lembrou que “en poucos días acolleremos O Gran Camiño e remataremos este ano coa Vuelta Ciclista Feminina. Que non teña ninguén ningunha dúbida de que Padrón é a capital galega do ciclismo”, concluíu.
Como broche final ás festas, o Grupo Assia, chegado desde Xixón, fixo vibrar ao público cun espectáculo cheo de grandes éxitos desde os anos sesenta, poñendo o peche a unhas celebracións marcadas pola alta participación e o excelente ambiente vivido desde o 27 de marzo ata o 12 de abril.
O Concello de Padrón celebra o éxito destas inesquecibles Festas de Pascua 2026 e reafirma o seu compromiso con manter e potenciar a súa celebración máis emblemática, que cada ano atrae a milleiros de visitantes e reforza a proxección cultural, social e turística da vila.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)