Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today27 noviembre, 2025
• O alcalde Anxo Arca subliña que “era necesario actuar con responsabilidade e ordenar unha situación que acumulaba anos de atrasos”
• O equipo de goberno valora que «o deixamento na xestión dun sector que máis dinamiza o noso concello amosa o estado no que se atopaba a administración anterior»
• Os ingresos recuperados permiten mellorar os servizos públicos e garanten un funcionamento máis xusto, transparente e eficiente do histórico mercado dominical
Padrón. 27-11-2025.- No último ano, o Concello de Padrón conseguiu recuperar preto de 1 millón de euros correspondentes aos recibos do mercado dominical que permanecían sen cobrar desde hai anos. Estes atrasos acumulados foron consecuencia directa do deixamento e da falta de xestión do anterior equipo de goberno do Partido Popular, que mantivo practicamente paralizada a tramitación destes expedientes.
Unha das prioridades do actual equipo de goberno, desde a súa chegada en 2023, foi precisamente poñer ao día a administración municipal, desbloqueando numerosos procedementos que levaban tempo sen tramitar e que estaban a prexudicar tanto ás arcas municipais como ao funcionamento ordinario dos servizos públicos.
O concelleiro de Mercados, Luis Mariño, destaca que “esta importante recuperación económica é froito dun traballo rigoroso e constante para normalizar a situación que nos atopamos e que permite unha mellora a futuro no funcionamento”. Pola súa banda, o alcalde, Anxo Arca, subliña que “era necesario actuar con responsabilidade e ordenar unha situación que acumulaba anos de atrasos”.
O Executivo local subliña ademais que o mercado dominical de Padrón é o máis grande de Galicia e un dos motores económicos e sociais máis importantes do municipio. O equipo de goberno valora que «o deixamento na xestión dun sector que máis dinamiza o noso concello amosa o estado no que se atopaba a administración anterior».
A regularización destes cobros non só supón unha recuperación de ingresos imprescindibles para seguir mellorando os servizos públicos, senón que tamén garante un funcionamento máis transparente, eficiente e xusto do histórico mercado dominical.
O Concello continuará traballando para actualizar outros procedementos que tamén quedaron sen tramitar nos últimos anos, coa vontade de devolver á administración municipal o dinamismo e a eficacia que a veciñanza merece.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)