AD

Comarca

Padrón reforza os programas de conciliación familiar no verán con 65 prazas máis

today16 junio, 2025

Fondo
share close
AD

 

  • Póñense a disposición das familias 305 prazas distribuídas entre tres iniciativas: Conciliación Verán Padrón, o Campus Deportivo de Verán e o novo Campamento Dixital
  • Concilia verán aumenta esta ano a súa capacidade e horario
  • A gran novidade é o Campamento Dixital, unha proposta gratuíta orientada a nenos e nenas de entre 9 e 13 anos

Padrón. 16-6-2025.- O Concello de Padrón reforza o seu compromiso coa conciliación familiar e laboral durante os meses de verán cun aumento significativo de prazas nos seus programas estivais destinados a nenos e nenas do municipio. Este ano, ofrécense tres iniciativas: Conciliación Verán, Campus Deportivo de verán e o novo Campamento Dixital, sumando unha oferta máis diversa e adaptada ás necesidades das familias.

Máis prazas e novo horario no programa Conciliación Verán

Un dos programas máis demandados, Conciliación Verán, aumenta este ano a súa capacidade con 125 prazas, cinco máis que na edición anterior. Ademais, este ano amplíase o horario: adiántase a entrada 15 minutos e atrásase a saída outros 15, ofrecendo unha franxa de conciliación máis ampla para facilitar a organización familiar de 7:45-15:15.

Como novidade, incorpórase unha nova quincena no mes de agosto, dando resposta ás demandas veciñais para cubrir un período que tradicionalmente quedaba sen oferta de conciliación.

Campus Deportivo e novo Campamento Dixital

Á oferta tradicional do Campus Deportivo con 120 prazas, súmase este ano o innovador Campamento Dixital, un programa gratuíto centrado na iniciación á informática e a tecnoloxía, orientado a fomentar o pensamento lóxico e as habilidades dixitais dos máis novos. Dito programa é unha iniciativa impulsada pola Fundación Cibervoluntarios, dentro do Programa de Competencias Dixitais para a Infancia, CODI, posto en marcha polo Ministerio de Juventud e Infancia, financiado pola Unión Europea-Next Generation EU e en colaboración co Concello de Padrón.

O Campamento Dixital contará con 20 prazas por quenda durante o mes de xullo, o que supoñerá un total de 60 prazas dispoñibles de luns a venres de 10:00-13:00 horas. A primeira quenda do 23 de xuño ao 4 de xullo (inscrición ata o xoves 5 de xuño),  a segunda quenda do 7 de xullo ao 18 de xullo (inscrición ata o xoves 19 de xuño) e a terceira quenda do 21 de xullo ao 4 de agosto (inscrición ata o xoves 3 de xullo).

Este novo espazo educativo reforza a aposta por actividades formativas e lúdicas adaptadas ao mundo onde cada participante obtén o certificado DigComp, recoñecido pola Unión Europea en competencias dixitais.

Desde o Concello de Padrón anímase ás familias á inscrición no Campamento Dixital para poder realizalo, xa que é necesario un mínimo de 15 nenos e nenas entre 9-13 anos de idade para poder levalo a cabo.

Con estas medidas, o Concello reafirma o seu compromiso coa educación, o lecer saudable e a conciliación, ofrecendo alternativas de calidade para que os nenos e nenas poidan desfrutar do verán mentres as súas familias poden compaxinar a súa vida laboral.

Para máis información sobre o Campamento dixital, poden poñerse en contacto coa Aula Cemit no teléfono 675 748 812 en horario de mañá e fóra deste horario en correo@padron.gal.

 

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *