Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today27 diciembre, 2025
• A oferta de emprego público de 2025, aprobada este venres, inclúe cinco postos: un oficial xefe e dous axentes de Policía Local, un oficial e un peón condutor de obras
• O luns aprobouse tamén a convocatoria dunha praza de traballador/a social e outra de administrativo/a
Padrón. 26-12-2025.- O Concello de Padrón reforzará a súa estrutura municipal coa aprobación da oferta de emprego público correspondente ao ano 2025, que se suman á convoctoria doutras dúas prazas máis, iniciativas que teñen como fin mellorar a atención á cidadanía e a capacidade de xestión dos servizos municipais.
Este venres, 26 de decembro, quedou aprobada na Mesa Xeral de Negociación a oferta de emprego público do Concello de Padrón, que inclúe un total de cinco prazas: unha praza de oficial-xefe da Policía Local, dúas prazas de axente da Policía Local, unha praza de oficial de obras e servizos e unha praza de peón-condutor de obras e servizos. Esta oferta contou co visto e prace unánime de todas as persoas que forman parte da Mesa.
A estas incorporacións da oferta de emprego público súmanse outras dúas prazas cuxas bases e convocatoria foron aprobadas o pasado luns: unha praza de traballador/a social e outra de administrativo/a, que permitirán reforzar áreas clave para o funcionamento diario da administración local e a prestación de servizos á veciñanza.
Segundo explicou o alcalde de Padrón, Anxo Arca, estas medidas responden á necesidade de dotar ao Concello dos recursos humanos necesarios para superar o déficit de persoal que padecen algúns departamentos. “Con estas incorporacións gañaremos capacidade de traballo, axilidade na xestión e maior eficacia na execución das tarefas pendentes”, sinalou.
O rexedor subliñou ademais que “Padrón necesita un corpus de traballadoras e traballadores municipais suficiente, tanto en número como en capacidade, para funcionar coa normalidade que merece a cidadanía. Este pobo leva demasiado tempo apenas sobrevivindo a causa da grave carencia de persoal”.
Con esta oferta de emprego público e as novas convocatorias, o Concello dá un paso adiante no seu compromiso por fortalecer os servizos municipais e mellorar a atención á veciñanza.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)