Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today9 septiembre, 2025
Anxo Arca e Tanis Vázquez (centro) cos asistentes á homenaxe. O CC Padronés regaloulle ao concellos uns maillots
9-9-2025.- O Concello de Padrón rendeulle este luns unha homenaxe ao Club Ciclista Padronés Cortizo polos numerosos éxitos deportivos acadados nos seus case setenta anos de historia. O alcalde, Anxo Arca, o concelleiro de Deportes, Luis Mariño, e a concelleira de Turismo, Chus Campos, presidiron a recepción oficial na casa consistorial ao presidente do club, membros do corpo técnico e varios ciclistas. Tamén asistiu ao acto o deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira. Tras a recepción, as autoridades visitaron a sede do club.
Anxo Arca entregoulle ao presidente do club, Tanis Vázquez, unha figura de Sargadelos en “recoñecemento á traxectoria e grande aportación ao deporte padronés” do Club Ciclista Padronés Cortizo, que é un dos referentes do ciclismo amateur en toda España.
Pola súa banda, os integrantes do club regaláronlle aos membro do Goberno local e ao deputado provincial a equipación da presente temporada.
Presidido actualmente por Tanis Vázquez, o Club Ciclista Padronés ten a súa orixe na Peña Ciclista Bernárdez, fundada en 1956 (adoptou o nome actual na década dos 70). É un dos equipos ciclistas máis antigos de Galicia, no que se formaron corredores como Suso Blanco Villar, José Ángel Vidal, José Manuel Oliveira ou Ezequiel Mosquera.
O CC Padronés Cortizo continúa colleitando éxitos na actualidade, como as 28 podios individuais, 23 vitorias individuais e 21 triunfos de equipo nas 50 carreiras disputadas en 2023. A temporada 2024 foi un ano histórico para o Padronés Cortizo, con 60 carreiras disputadas, 51 vitorias individuais, gañadores da Copa de España Élite e Sub-23 e gañadores do Campionato de España en Ruta Sub-23.
Anxo Arca e Antonio Leira puxeron en valor toda esta traxectoria, e felicitaron á directiva, equipo técnico e corredores polo traballo realizado e animáronos a seguir colleitando éxitos tamén este ano.
Tanis Vázquez agradeceu o recoñecemento e resaltou a vinculación do club con Padrón e a súa historia. “Somos o club ciclista máis potente da provincia da Coruña, con máis de 70 licenzas, e somos un referente en toda España polos nosos éxitos deportivos”, asegurou o presidente do club, que volveu pedir a colaboración da Deputación para construír unha pista de ciclismo no municipio.
Antonio Leira salientou o compromiso da Deputación da Coruña co Club Ciclista Padronés, incrementando nos últimos anos o apoio económico dende o organismo provincial, o que permitiu consolidar a organización de eventos como a Clásica de Pascua. “Falamos dun club histórico, decano do ciclismo galego, que leva décadas formando talentos e promovendo o deporte con ambición e profesionalidade. Para a Deputación é unha gran satisfacción apoiar proxectos así, que sitúan á provincia da Coruña no mapa do ciclismo estatal e europeo”, dixo.
Visita á sede do club
Tras a recepción na casa consistorial, as autoridades, acompañadas dos ciclistas e representantes da entidade deportiva, visitaron a sede do club, onde compartiron un encontro cos membros da entidade e coñeceron de primeira man o seu funcionamento. O director deportivo do Padronés Cortizo, Marcos Serrano, ensinoulles as instalacións e explicoulles algúns dos proxectos do club.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)