AD

Actualidad

Padrón revive a súa historia con máis de 40 actividades na XVIII Feira Medieval

today24 junio, 2025

Fondo
share close
AD
  • A vila converterase nun mercado histórico ao aire libre do 4 ao 6 de xullo con música, artesanía, espectáculos e actividades para toda a familia
  • Un dos actos centrais será o irmandamento entre Padrón e Arjonilla coa deusa Thea como guía simbólica da unión
  • O evento aposta pola dinamización local, a participación cidadá e a recreación dos oficios e da vida medieval

Do venres 4 ao domingo 6 de xullo, o corazón histórico de Padrón transformarase nun gran mercado medieval ao aire libre coa celebración da XVIII Feira Medieval da nobre Vila de Padrón. O evento, organizado polo Concello de Padrón, volverá converter as rúas da vila nun espazo cheo de vida, oficios antigos, espectáculos de rúa, música ao vivo, teatro, animación e propostas pensadas para todos os públicos.

O cartel e a programación foron presentados esta mañá polo alcalde Anxo Arca, a concelleira de Festas Chus Campos e o técnico de Turismo Alberto Rey, quen destacaron o valor desta cita tanto para o dinamismo cultural e turístico de Padrón como para a participación activa da veciñanza.

A feira, que xa é unha cita consolidada dentro do calendario festivo e cultural de Galicia, reunirá a artesáns de toda a península, compañías artísticas e grupos de música tradicional, así como un amplo abano de actividades infantís e familiares.

Venres 4 de xullo: arrinca a festa cun mercado cheo de vida

A xornada inaugural comezará ás 19:00 h coa apertura do mercado medieval e dos obradoiros artesáns, situados na praza de Macías. Os visitantes poderán ver de preto antigos oficios coma o vidro soprado, a olaría ou o traballo do coiro.

A música será protagonista desde o primeiro momento co grupo Turdión, que amenizará as rúas durante toda a tarde-noite cun repertorio medieval e animado. Ás 20:30 h, o ritmo da batukada Kilombeiros de Monte Alto tomará as rúas nun espectáculo itinerante que encherá Padrón de son e cor.

Os máis pequenos tamén terán o seu espazo coa maxia infantil ás 21:15 h e un novo pase musical de Turdión ás 22:00 h. A feira continuará con actividade ata a medianoite, adaptándose á presenza de público.

Sábado 5 de xullo: xornada central da Feira

A segunda xornada arrancará ás 11:00 h coa reapertura do mercado, e ás 12:00 h celebrarase o acto institucional que marcará un dos momentos máis simbólicos do evento: a presentación oficial da XVIII Feira Medieval coas corporacións municipais de Padrón e Arjonilla (Xaén) -irmandadas pola figura de Macías O Namorado-, acompañadas da deusa Thea, personaxe mitolóxica que guiará a celebración.

Durante todo o día haberá actividades infantís, coma o barco e a noria de madeira, mesas lúdicas, pintacaras e espectáculos de maxia ás 13:15 h na praza de Macías. A música de Turdión volverá estar presente ás 13:30 h para dar paso á tradicional Hora del Buen Yantar ás 14:00 h.

A programación retómase pola tarde cun momento moi especial: o concerto de Xoán Curiel na igrexa de Santiago de Padrón ás 18:30 h, baixo o título Treides comigo!, coa presenza institucional das dúas corporacións municipais.

Desde as 19:00 h volve a actividade ao mercado cos obradoiros, o regreso de O Sacho Selfie, personaxe cómico que animará o recinto co seu humor, novas sesións de música con Turdión, e atraccións e xogos para cativos. A partir das 21:00 h, o espectáculo Deusa Thea e os Personaxes de Luz percorrerá o mercado, creando unha atmosfera máxica e visual.

O gran peche do sábado será ás 23:00 h co espectáculo SubUmbra da recoñecida Compañía Troula, un show itinerante de lume, acrobacias e teatro visual que sorprenderá a todas as idades.

Domingo 6 de xullo: despedida con premios

O domingo arrinca ás 11:00 h coa apertura do mercado e a animación do espectáculo Bosque Viviente, que levará música e maxia tamén ao tradicional mercado dominical. Ás 12:00 h terá lugar a entrega dos premios de engalanamento en ornato, recoñecendo o labor da veciñanza e dos comercios na ambientación medieval da vila. Ás 13:00 h, os visitantes poderán retratarse no photocall cos Personaxes do Mercado, situado na praza de Baltar, antes de que Turdión regrese para poñer banda sonora ao mercado ao mediodía.

Xa pola tarde, a partir das 19:00 h, chegan Os Monifates, unha proposta familiar onde marionetas, música e humor conviven nunha actuación divertida e entrañable. A festa continuará co pasarrúas do Bosque Viviente, espectáculos de maxia, obradoiros e animación ata a peza final de despedida ás 00:00 h, que marcará o fin dunha nova edición da feira, á espera da seguinte.

A XVIII Feira Medieval de Padrón supón un escaparate cultural e turístico. O obxectivo é fomentar a participación cidadá, impulsar o comercio e a hostalería local, ao tempo que se ofrece tanto á veciñanza como ás persoas visitantes unha experiencia inmersiva, pensada para todos os públicos, e cun programa que combina tradición e creatividade.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *