Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today6 diciembre, 2024
Anxo Arca, alcalde de Padrón, ofreceu unha ampla entrevista en Radio Líder Santiago, onde fixo balance do seu mandato e adiantou os retos e proxectos que marcarán o futuro do concello. O rexedor destacou iniciativas culturais, melloras en infraestruturas, o dinamismo comercial e os avances no rural, subliñando que «Padrón está en marcha, e a cidadanía percíbeo».
O Nadal padronés converteuse nun evento de referencia grazas a unha colaboración público-privada sen precedentes. «Por primeira vez, sete grandes empresas aportaron 25.000 euros para mellorar a iluminación e embelecer o noso concello», explicou Arca. Esta iniciativa permitiu ampliar o alcance do alumeado a zonas rurais e reforzar o atractivo turístico, sendo recoñecido Padrón estes días como o «Vigo pequeno».
Arca, aínda que recoñeceu as limitacións dunha localidade de 8.000 habitantes, salientou que «con planificación e creatividade, é posible destacar». Ademais, subliñou o impacto positivo no comercio e na hostalería local, xa que «son os que máis notan o retorno desta inversión».
Padrón reforzou a súa aposta cultural cunha ampla programación que combina arqueoloxía, teatro, premios literarios e actividades diversas. «Queremos que a oferta cultural sexa variada, de calidade, e que responda ás demandas da cidadanía», afirmou o alcalde. Entre os eventos destacados, mencionou os achados en Fondo de Vila e Castro Valente, que reforzan o carácter histórico da vila.
Ademais, o rexedor adiantou que a nova oficina de turismo estará situada no mercado de abastos, un proxecto que busca reactivar este espazo como reclamo turístico. «Queremos que a xente entre ao mercado non só para mercar, senón tamén como parte da experiencia de visitar Padrón», explicou. Este proxecto, cun custo de 800.000 euros, está pendente de vías de financiamento externas.
Arca fixo fincapé en que Padrón non é só o núcleo urbano, senón tamén as parroquias e aldeas que conforman o territorio rural. «Executamos ampliacións de saneamento en Herbón e A Ponte, melloras en viarios e un aumento no mantemento das cunetas e zonas verdes», detallou.
Tamén anunciou que os parques infantís renovados levarán nomes de científicas galegas como homenaxe á igualdade. «Queremos que as nenas e nenos teñan referencias femininas, para que vexan que as mulleres tamén son modelos de éxito», destacou. Ademais, a área recreativa das Confluencias será renomeada como Paseo da Constitución, un cambio que busca reforzar a súa identidade.
O alcalde admitiu que a xuventude entre 12 e 18 anos foi historicamente un colectivo esquecido en Padrón, algo que o seu goberno quere corrixir. «Non teñen espazos específicos para eles, e iso é algo que debemos resolver», afirmou.
Entre os proxectos para este colectivo inclúense un skatepark, pumptracks e espazos para arte urbana no Campo da Barca. Ademais, estase estudando habilitar locais de ensaio e gravación musical para os mozos interesados na música. «É hora de ofrecerlles alternativas de ocio e cultura que lles permitan socializar e desenvolver as súas paixóns», explicou Arca.
Un dos puntos máis destacados da entrevista foi a reclamación da gratuidade da AP-9 entre Padrón e Santiago. «A AP-9 xa está máis que amortizada e debe ser pública. É un eixo vertebrador que pertence a todas as galegas e galegos», reivindicou o alcalde.
En paralelo, o goberno local traballa nun proxecto para mellorar a conexión peonil e ciclista entre A Ponte e o casco urbano, especialmente na perigosa N-550. «É unha prioridade para o noso goberno e esperamos materializala máis pronto que tarde», asegurou.
Doutra banda, o contexto de minoría no goberno local non foi obstáculo para ampliar o orzamento municipal ata os 10,5 millóns de euros. «Son uns orzamentos expansivos que nos permitirán seguir mellorando infraestruturas e servizos», explicou Arca.
Con todo, o rexedor lamentou a descomposición interna do Partido Popular local, que sufriu varias dimisións. «O Partido Popular terá que recompoñerse; nós seguimos traballando por Padrón», afirmou, subliñando que as iniciativas avanzan grazas ao diálogo co resto de grupos políticos.
Anxo Arca ten clara a súa folla de ruta: priorizar o mantemento das instalacións públicas, modernizar servizos e responder ás necesidades de todas as franxas de idade. Entre os proxectos destacados, mencionou a creación dun novo edificio para o xulgado, o traslado da Escola de Música á Azucreira, e novas áreas de ocio como o Campo da Barca.
«Padrón é un concello para todos, e todos deben ter espazos para convivir e desfrutar», concluíu o alcalde, quen destacou que a súa visión busca equilibrio, modernidade e sostibilidade.
A entrevista completa, no seguinte enlace.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)