AD

Comarca

Padrón, único concello da provincia coa dobre certificación de calidade e sostibilidade turística

today12 enero, 2026

Fondo
share close
AD
  • A ‘S’ de Sostibilidade só a posúen tres oficinas en toda Galicia
  • O Concello consolida un modelo turístico baseado na calidade, a sustentabilidade e a identidade local

Padrón. 12-1-2026.- O Concello de Padrón vén de renovar as certificacións Q de Calidade Turística e S de Sostibilidade Turística da súa Oficina de Información Turística, uns distintivos outorgados polo Instituto para a Calidade Turística Española e a Sostibilidade (ICTES) que acreditan a excelencia na xestión dos servizos turísticos e o compromiso cun modelo de desenvolvemento responsable.

Estas renovacións confirman o traballo continuado realizado nos últimos anos para manter uns estándares elevados de atención ao público, organización interna e mellora continua, así como a integración da sustentabilidade na política turística municipal.

A certificación Q de Calidade Turística distingue ás organizacións que aplican un sistema de xestión orientado á excelencia, á satisfacción das persoas usuarias e á optimización dos procesos. En Galicia só 16 oficinas de turismo contan con este selo, sendo Padrón a única da provincia da Coruña en obtelo.

Pola súa banda, a certificación S de Sostibilidade Turística garante que a Oficina de Turismo traballa aliñada cos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030. Este distintivo é aínda máis exclusivo: só tres oficinas de turismo en toda Galicia o posúen (Padrón, o Patronato Rías Baixas e Chantada), o que converte a Padrón na única da provincia da Coruña con esta acreditación.

Un modelo turístico con resultados

A renovación destes selos chega nun momento especialmente positivo para Padrón. Nos últimos meses, Padrón foi recoñecido como Pueblo Mágico, unha distinción impulsada pola Rede de Pueblos Mágicos de España e polo Instituto de Desenvolvemento Local e Estudos Sociais (IDL), que pon en valor o patrimonio, a identidade cultural e o traballo desenvolvido polo municipio no ámbito turístico.

Así mesmo, no marco da certificación ‘S’, a Oficina de Turismo presentou en xullo de 2025 o Decálogo do Turista Responsable, un folleto informativo dirixido ás persoas visitantes, dispoñible en galego, castelán e inglés. Baixo lemas como Descubre Padrón con conciencia ou O teu viaxe deixa pegada, que sexa positiva, a guía ofrece recomendacións prácticas para gozar do municipio desde o respecto polo patrimonio, a cultura e o medio natural.

Entre as iniciativas máis recentes tamén destaca Sabores de Padrón: a ruta da croqueta, posta en marcha a través de Padrón Turismo como unha acción innovadora para dinamizar a hostalería local e a vida social da vila. A ruta celebrarase os días 6 e 7 de febreiro, convertendo Padrón nun punto de encontro arredor dun produto popular e versátil, cun evento pioneiro en Galicia que combina gastronomía, creatividade e promoción económica.

Compromiso coa mellora continua

Para a renovación das certificacións Q e S é imprescindible a superación de auditorías periódicas realizadas por entidades independentes, que avalían o cumprimento dos requisitos e o avance nos obxectivos marcados. Este proceso garante a actualización constante das accións e a adaptación ás novas demandas do sector turístico.

Con estas renovacións, o Concello de Padrón consolida a súa posición como referente turístico en Galicia, apostando por un modelo que combina calidade, sustentabilidade, tradición e innovación, e reforza o papel da Oficina de Información Turística como ferramenta clave para a promoción do municipio.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *