Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
• A comitiva real sairá da avenida de Compostela ás 17:00 horas cun percorrido que inclúe a visita ao Belén vivinte, ao Concello, ata chegar ao polideportivo do Souto
• En caso de condicións meteorolóxicas adversas, a Cabalgata adaptarase cun percorrido máis curto que inclúe unicamente a visita á igrexa de Santiago, entre as 17:00 e as 18:00 horas, e o fin de festa no pavillón
Padrón. 3-1-2025.- Se o tempo o permite, o Concello de Padrón celebrará este domingo, 5 de xaneiro, unha das datas máis esperadas do ano coa visita das Súas Maxestades Melchor, Gaspar e Baltasar. A tradicional Cabalgata de Reis converterá as rúas da vila nun escenario de festa e alegría para veciños e visitantes, especialmente para os máis pequenos, que vivirán unha tarde inesquecible.
A comitiva real dará comezo na avenida de Compostela ás 17:00 horas e percorrerá lugares icónicos como As Lágrimas e o paseo do Espolón, enchendo cada recuncho de música, aplausos e a ilusión propia desta festividade. Durante o percorrido, os Reis Magos achegaranse ao público para saudar, repartir doces e compartir momentos de proximidade coa veciñanza.
Un dos actos centrais será a parada na igrexa de Santiago, onde as Súas Maxestades visitarán o tradicional Belén vivinte e participarán nunha solemne ofrenda ao neno Xesús. Este acto simbólico pon de manifesto os valores de solidariedade e unión que caracterizan estas datas tan especiais.
A continuación, Melchor, Gaspar e Baltasar serán recibidos oficialmente polo alcalde de Padrón, Anxo Arca, e pola Corporación Municipal no Concello. Tras esta benvida institucional, a xornada trasladarase ao polideportivo do Souto, onde os Reis atenderán as peticións e desexos da cativada, creando un espazo cheo de nervios, sorpresa e ilusión.
Desde o Concello de Padrón infórmase de que se está a seguir de preto a evolución das previsións meteorolóxicas para garantir a seguridade e o desfrute de toda a veciñanza. En caso de condicións adversas, a Cabalgata adaptarase, realizando un percorrido máis curto que inclúe unicamente a visita á igrexa de Santiago, entre as 17:00 e as 18:00 horas, e o encontro cos nenos e nenas no polideportivo do Souto, a partir das 18:00 horas, onde haberá animación e troula para todas as persoas que asistan.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)