Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
A Baña.12-12-2023.- O vindeiro domingo, 17 de decembro, o pavillón municipal de San Vicenzo acollerá a oitava edición do Mercadiño de Nadal da Baña. Dende as 12 do mediodía e ata as 8 da tarde, veciñanza e visitantes poderán desfrutar dunha variada oferta de artesanía, produtos de alimentación e doces típicos desta época, nun ambiente festivo con música, maxia e mesmo coa agardada visita de Papá Noel. A xornada festiva dominical comezará ás 11.00 horas co festival de Nadal na Escola de Música Emilio Andújar.
Este encontro estase a converter nunha cita imprescindible na comarca. Ademais de ofrecer a oportunidade de mercar agasallos únicos e deliciosos produtos propios do Nadal, tamén conta cun amplo programa de actividades e espectáculos que busca entreter a toda a familia ao tempo que pon en valor o talento local.
A primeira das actuacións chegará á unha do mediodía da man dos gaiteiros da Escola de Música Tradicional (EMT) da Baña. Ás catro da tarde será a agrupación de pandeireteiras da mesma escola quen anime o ambiente no mercado. Seguindo coa promoción do talento local, ás catro e media da tarde comezará a exhibición e ximnasia rítmica e acrosport do alumnado destas actividades extraescolares do CPI San Vicente, grazas á colaboración de AFA Avania, a asociación de familias do centro bañense. Tamén do CPI San Vicente procede o grupo musical Willi Wonka e as Umpalumpas, que de seguro sorprenderá coa súa actuación, a partir das cinco da tarde.
Ademais da música e das exhibicións deportivas, a maxia tamén estará presente. O Mago Teto ofrecerá un espectáculo de ilusionismo para todos os públicos ás 17.30 horas. Pequenas grandes maxias, o que en palabras do autor é o seu espectáculo máis persoal despois de 29 anos percorrendo os camiños do mundo, chegará á Baña grazas á colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
E, como colofón á festa, Papá Noel atenderá os desexos de nenas e nenos. A súa chegada ao Mercadiño de Nadal da Baña tras unha longa viaxe dende o Polo Norte está prevista para as seis e media da tarde.
Festival de Nadal
Por outra banda, alumnado e profesorado da Escola de Música Emilio Andújar ofrecerá un concerto este domingo 17 de decembro, a partir das 11.00 horas. O festival de Nadal traerá sons propios destas datas á sede da escola municipal de música.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)