Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today22 diciembre, 2025
A empresa familiar Ángel Mar, con sede en Boiro, converteuse nun referente do sector do mar en Galicia pola súa firme aposta polo produto local, a innovación nos procesos de depuración e a continuidade xeracional. Así o explicou o seu responsable, Ángel Mariño, nunha entrevista concedida a Radio Líder Santiago, na que fixo un repaso pola historia, o presente e os retos de futuro da firma.
Mariño lembrou que a orixe da empresa remóntase a 1945, cando o seu avó comezou a traballar coa ameixa, e subliñou o orgullo de representar xa á terceira xeración: “Estivo meu avó, estivo meu pai e agora estamos a miña irmá e máis eu dirixindo a empresa”. Unha traxectoria marcada tamén pola innovación, xa que Ángel Mar foi “a primeira depuradora en circuíto pechado en Galicia” e pioneira no uso de ozono e raios ultravioleta “sen empregar produtos químicos e cumprindo a normativa sanitaria máis esixente”.

O responsable da cetaria incidiu en que a identidade da empresa pasa por traballar exclusivamente con produto galego: “Non temos nin un só molusco de importación, é produto 100% galego”. A materia prima procede principalmente da ría da Arousa, con compras en confrarías como Rianxo, Cabo de Cruz, A Pobra do Caramiñal, Ribeira ou Aguiño, e tamén da lonxa de Noia no caso da ostra salvaxe. Un compromiso que cobra aínda máis valor nun contexto complicado para o sector, xa que, segundo advertiu, “os bivalvos na ría da Arousa sufriron un descenso dun 64%, unha barbaridade”.
Mariño defendeu que, malia haber menos cantidade, a calidade do marisco galego segue sendo excepcional: “A centola da ría non ten comparación con ningunha outra do mundo”. Tamén quixo lanzar unha mensaxe de tranquilidade ao consumidor de cara ao Nadal, asegurando que “todo o marisco e o peixe pódense consumir con total garantía sanitaria” se se mercan por canles legais, grazas aos controis existentes en Galicia.
Outro dos puntos fortes de Ángel Mar é a súa capacidade loxística. A empresa realiza envíos a toda a península en menos de 24 horas: “Os pedidos que entran no WhatsApp 637 54 54 07 antes das cinco da tarde entréganse ás nove da mañá do día seguinte, co produto vivo e mantendo a cadea de frío”. Un servizo que se intensifica nestas datas, xa que, como recoñeceu, “o Nadal é unha das épocas máis importantes do ano, con volumes de traballo moi grandes” tanto para hostalería como para particulares.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)