Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today26 mayo, 2025
Pilar Lueiro presenta unhas Festas da Ascensión 2025 que «apostan pola nosa cultura, pola música en galego e por gozar das rúas de Santiago con orgullo e alegría»
A concelleira de Festas en Santiago de Compostela, Pilar Lueiro foi a protagonista dunha ampla entrevista en Radio Líder Santiago, onde detallou a programación e filosofía das Festas da Ascensión 2025.
Lueiro salientou que estas festas buscan «ser un escaparate de Santiago para o mundo», cunha programación que combina tradición, música, participación cidadá e inclusión. “Queremos apostar pola música galega en galego, e se poden ser artistas locais, mellor”, destacou.
A edil explicou que os Cantos de Taberna abrirán a celebración o mércores 28 de maio en barrios como Sar, San Pedro e Basquiños, con actuacións tamén o sábado na zona vella. A música será o fío condutor dos catro días de festa: “O xoves temos ás Tanxugueiras, o venres o CompostFest, e o sábado a Romaría das Flores en Belvís, con actividades durante todo o día e moita artesanía”, resumiu.
Tamén fixo referencia ás actuacións principais na Praza da Quintana, onde pechará afesta a artista Guadi Galego, e ao enfoque inclusivo das atraccións da Alameda: “O 31 de maio e 1 de xuño haberá horario sen ruído de 17 a 19h para facilitar o acceso a persoas con sensibilidades especiais”, comentou.
En canto ás críticas por unha suposta falta de artistas nacionais e internacionais, Lueiro respondeu con firmeza: “As festas da Ascensión son as nosas festas. No Apóstolo si contaremos con artistas nacionais e internacionais, pero agora queremos poñer en valor o noso”, afirmou. Tamén desvelou que se tentou contactar con Megadeth para o Apóstolo, pero que “non había xira prevista”, aínda que “igual hai que volver a escribirlles”, comentou, aínda que xa descartando a actuación dentro do programa do Apostolo.
As Festas do Apóstolo comezarán o 17 de xullo, cun día máis do habitual, e traerán artistas nacionais e internacionais de diversos estilos. “Haberá pop, rock, música tradicional… pero sempre co respecto que merece esta cidade e os seus espazos”, sinalou a concelleira.
Na entrevista, a edil nacionalistas revelou en primicia a confirmación do artista senegalés Youssou N’Dour como parte do cartel das Festas do Apóstolo. “É un dos nomes que estarán con nós este verán, e representa moi ben a lusofonía e o espírito internacional que queremos para o Apóstolo”, comentou.
Lueiro tamén defendeu o uso do espazo público como lugar de encontro e dinamismo social: “As prazas están para vivilas e o Obradoiro tamén. Xa o fixemos co baloncesto 3×3 a pasada fin de semana, e tamén o faremos no Apóstolo”, asegurou, confirmando que parte das actuacións musicais se celebrarán de novo na Praza do Obradoiro.
A concelleira rematou a conversa cun convite á veciñanza: “As festas son para todos. Temos que coidar o que temos, pero tamén vivilo. Que as rúas se enchan de música, de xente e de alegría”, concluíu.
Escrito por Líder Redacción
apostolo 2025 compostela Entrevista festas da ascension santiago
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)