Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Santiago de Compostela, 9 outubro 2025.- A portavoz nacional, Ana Pontón, afirmou en Ribeira que a “vergoñenta” moción de censura impulsada polo PP nesta localidade “é a constatación de que o BNG estaba facendo un excelente traballo e que Luís Pérez é un gran alcalde” e augurou que, tras demostrar como gobernar “a favor da maioría social”, o rexedor “volverá ser o gran alcalde que Ribeira merece”.
Pontón participou no acto de apoio a Pérez celebrado no auditorio municipal ribeirense, no que destacou o modelo de concello que sitúa ás persoas no centro posto en marcha polo goberno municipal liderado polo BNG, un modelo a favor da maioría que a moción de censura do PP quere frear “poñendo os intereses partidistas por riba de Ribeira”.
“Poderán frearnos, pero non deterán o camiño que comezamos; poderán quitarnos o goberno cunha moción vergoñenta, pero non a razón, nin a vontade de seguir facendo de Ribeira un lugar mellor para a maioría”, proclamou, para recalcar a continuación que o concello “merece algo mellor” e que o seu avance non se pode parar por intereses partidistas e personalistas, nin tampouco con chantaxes, coaccións e compra de vontades.
A líder nacionalista amosou o seu convencemento de que a maioría da veciñanza está ao lado do proxecto de goberno que lidera o Bloque e, por iso, vaticinou que “o próximo alcalde de Ribeira volverá ser Luís Pérez”, cuxo traballo e o de todo o seu equipo proba que hai outra maneira de gobernar, a que representa o BNG cun proxecto político a favor da maioría social, sen favoritismos nin caciquismos, que transforma en positivo, desde o diálogo e poñendo as persoas no centro.
Neste sentido, destacou a coraxe do rexedor para afrontar desigualdades, repensar espazos urbanos, preservar o medio ambiente ou dinamizar o ámbito cultural e a súa clara aposta por uns servizos públicos de calidade e polo mar non só como principal sector económico, senón tamén como sinal de identidade. Un proxecto co que ademais introduciu unha forma de gobernar transparente, que convida á participación e rende contas á cidadanía, incidiu.
En definitiva, unha proposta de transformación que nace da idea de que “Ribeira ten capacidade para ser máis, para ser mellor”, e co que en pouco máis de dous anos, afondou, o concello xa é outro, con ánimo renovado e con esperanza colectiva. “Demostraches que un alcalde con principios, con coraxe e cun proxecto claro a favor da xente pode marcar a diferenza”, agradeceu a Pérez.
Por iso, considerou a vergoñenta moción impulsada por Alfonso Rueda en Ribeira “un acto de desesperación e de pánico”, xa que o PP é perfectamente consciente da consolidación do goberno municipal que lidera o BNG con Luís Pérez á cabeza e de que os veciños e as veciñas viron con feitos que hai outra maneira de gobernar, polo que non queren volver os tempos escuros da dereita caciquil do PP.
“A vergoñenta moción de censura do Partido Popular é a constatación de que o BNG estaba facendo un excelente traballo en Ribeira, a constatación de que Luís é un gran alcalde”, sintetizou, para criticar a continuación as presións, artimañas e acordos escuros que se esconden tras esta moción dado que, incidiu, “gobernar ben molesta a quen prefería o clientelismo á defensa do ben común”.
Neste contexto, Pontón lanzou unha mensaxe de esperanza porque “Ribeira nin pode, nin vai quedar a mercé de intereses partidistas” e reafirmou o compromiso do BNG e do actual rexedor de seguir traballando con máis afán que nunca a favor do concello.
“Non foi fácil construír transparencia onde había opacidade, promover participación onde imperaba o silencio, mudar favores por dereitos da veciñanza, pero ti fixéchelo posible demostrando que o BNG ten un proxecto político diferente e a favor da maioría e iso non hai moción de censura que o tumbe”, remarcou para agradecer a Pérez o seu magnífico traballo á fronte dun goberno municipal que transformou en positivo.
A portavoz nacional mostrouse convencida de que Ribeira non vai renunciar nin ao seu presente nin ao seu futuro, que non vai renunciar, remarcou, “a ter un alcalde que encarna un proxecto de dignidade, de xustiza e de progreso para este concello”.
Por iso, reiterou que Luís Pérez volverá ser alcalde moi pronto. “A moción de censura non vai truncar a esperanza e o orgullo de quen sabe que gobernar para a maioría sempre é máis digno que calquera interese oculto”, concluíu.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)