Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today6 febrero, 2026
Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2026.- A rede municipal de Centros Socioculturais de Santiago atravesa, segundo coinciden PP e PSdeG, a maior crise da súa historia recente. A oposición responsabiliza directamente ao goberno local de BNG e Compostela Aberta dunha situación que cualifican de límite, marcada pola inestabilidade do servizo, a sucesión de problemas coas empresas concesionarias e o grave impacto nas condicións laborais das traballadoras e traballadores.
O concelleiro do Partido Popular José Ramón de la Fuente denunciou este xoves o que definiu como a “enésima crise” dos Centros Socioculturais, froito —ao seu xuízo— dunha xestión “pasiva e neglixente” por parte do executivo municipal. Segundo explicou, os populares levan desde o inicio do mandato advertindo dunha situación que afectou directamente ao persoal, con atrasos reiterados no pagamento das nóminas, deterioro progresivo das condicións laborais e mesmo a suspensión práctica de numerosas actividades nos centros.
Desde o PP sinalan que o goberno local mantivo durante meses o pagamento regular das facturas á empresa Serviplustotal a pesar de coñecer que esta non estaba abonando os salarios ao persoal, o que, ao seu entender, supón unha grave irresponsabilidade política. De la Fuente lembrou que moitos traballadores chegaron a adiantar cartos do seu propio peto para poder desenvolver as actividades programadas, e que nin sequera a chegada do Nadal con catro nóminas impagadas foi suficiente para provocar unha reacción inmediata do goberno municipal
Os populares tamén cuestionan a actuación do executivo no proceso de rescisión do contrato coa concesionaria, reclamando explicacións sobre o acordo alcanzado cando no outono de 2024 se solicitou a resolución do contrato e posteriormente se retirou esa petición. Ademais, poñen en dúbida as razóns da renuncia da nova empresa adxudicataria, ao considerar pouco crible que abandonase o contrato por cuestións que, segundo afirman, eran coñecidas desde a licitación. Ante este escenario, o PP reclama que a alcaldesa asuma persoalmente a xestión da crise, garanta os postos de traballo e os dereitos do persoal afectado e depure responsabilidades políticas, chegando a falar abertamente de dimisións.
Unha valoración moi semellante fixo o Grupo Municipal Socialista, que tamén acusou ao goberno local de provocar a maior crise da historia dos Centros Socioculturais por unha xestión “marcada pola falta de previsión, o abandono e a incapacidade para garantir un servizo público esencial”. A concelleira socialista Marta Abal alertou de que a renuncia de Eulen ao contrato de dinamización e mediación sociocultural puxo de manifesto a fraxilidade dun sistema que, segundo afirmou, leva tempo funcionando sen control nin estabilidade.
Abal subliñou que a crise non só afecta ao funcionamento diario dos centros, senón que ten consecuencias directas nas condicións laborais do persoal, ao que expresou a solidariedade do seu grupo. A socialista responsabilizou de forma directa ao executivo bipartito do BNG e Compostela Aberta, asegurando que non cabe sinalar a terceiros nin buscar escusas, xa que foi o propio goberno municipal quen permitiu que o problema se agravase ata poñer en risco os dereitos das traballadoras e a continuidade dun servizo básico para a cidade
Para o PSdeG, o momento actual marca un punto crítico na historia da rede de Centros Socioculturais de Santiago, que consideran na súa peor etapa. Por iso, reclaman asumir responsabilidades políticas e adoptar medidas inmediatas que garantan tanto a continuidade do servizo como a protección dos dereitos laborais do persoal, advertindo de que non cabe máis improvisación nin máis erros na xestión municipal.
Así, PP e PSdeG coinciden en situar aos traballadores como as principais vítimas da crise e en reclamar explicacións claras, transparencia na xestión e decisións políticas contundentes por parte do goberno local para poñer fin a unha situación que consideran insostible.
Escrito por Líder Redacción
centros socioculturais denuncia politica Santiago de Compostela


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)