Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today25 noviembre, 2025
O Partido Popular de Galicia (PPdeG) expresou este martes a súa “condena máis rotunda e enérxica” polos incidentes rexistrados no exterior da sede do partido en Santiago de Compostela durante a concentración do 25-N convocada polo BNG a través da CIG. Segundo denunciou a formación, a protesta derivou en “intolerables feitos” que incluíron coaccións e increpamentos a traballadoras do PP compostelán e tamén a xornalistas que estaban a cubrir o acto, entre eles profesionais de Radio Líder.
O PPdeG lamenta que, nun día no que “debería primar a unidade contra a violencia de xénero”, o Bloque Nacionalista Galego optase por “profundar na división e na polarización”. A formación sostén que a mobilización, convocada con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, “só serviu para xerar máis tensión e desunión”, enmarcando a actuación da CIG dentro dunha “estratexia de axitación social”.
Segundo o comunicado, durante a protesta escoitáronse berros como “cómplices de asasinatos e de acoso machista”, dirixidos tanto a traballadoras do partido como ao director de Radio Líder Santiago que estaba cubrindo a convocatoria. A escalada de tensión obrigou finalmente á intervención da Policía Nacional.
Os populares consideran “chamativo” que o BNG se concentre diante da sede do PP e increpe a membros do Goberno galego mentres, en Madrid, apoia ao PSOE, ao que atribúen a responsabilidade da Lei do só si é si, das pulseiras antimaltrato defectuosas e de casos recentes nos que cargos socialistas estiveron relacionados co consumo de prostitución.
Por todo isto, o PPdeG reclama unha “condena clara e rotunda” por parte da CIG, do BNG e, de maneira destacada, da súa portavoz nacional, Ana Pontón. “O fin da violencia non se defende con máis violencia”, conclúe a formación.
Escrito por Líder Redacción
25N Comunicado galicia partido popular PPdG Santiago de Compostela


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)